Friday 13 de June de 2025

Gonzalo Castro destaca o papel de Correa Corredoira na defensa do patrimonio artístico e cultural galego


O artista coruñés foi homenaxeado no Teatro Rosalía de Castro

O artista coruñés Tono Correa Corredoira foi homenaxeado esta tarde nun acto organizado polo Concello e celebrado no Teatro Rosalía de Castro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto e destacou o papel desenvolvido por Correa Corredoira a prol da defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia. “Desde o Goberno de Inés Rey coidamos aos artistas coruñeses e queremos que a súa obra e o seu legado sexan coñecidos pola cidadanía a través de iniciativas como este acto de homenaxe”, indicou Castro.

Todas as persoas asistentes recibiron unha obra gráfica do propio autor como agasallo. O acto contou cun acompañamento musical e foi presentado por Víctor Barús. Ademais, proxectouse o documental ‘A Caverna dos Soños’, dirixido por Javier Sega, Víctor Barús e Jerl sobre o labor artístico de Correa Corredoira. Tamén participaron o escritor Francisco Fernández Naval e a poeta, escritora e xornalista, Eva Veiga.

Tono Correa Corredoira, nado na Coruña en 1952, é un artista galego multidisciplinar recoñecido pola súa traxectoria como pintor, escultor, gravador, ceramista e muralista.
Comezou a súa carreira artística nos anos 70, tras abandonar os estudos de Arquitectura e Belas Artes para dedicarse plenamente á creación artística. Foi membro fundador dos colectivos A Galga e GrupOrzán, e participou activamente no movemento Atlántica, clave na renovación da arte galega contemporánea.

A súa obra caracterízase por unha figuración expresionista que aborda temas como a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos e o mar. Entre as súas creacións máis emblemáticas destaca o mural ‘27 golfiños e unha estrela’ (1992), situado na praia de Santa Cristina, en Oleiros, realizado en vitrocerámica. Tamén é autor da ‘Rosa dos Ventos’ (1994), o mosaico no parque escultórico da Torre de Hércules. Correa Corredoira tamén ten desenvolvido unha destacada actividade como ilustrador e poeta, e continúa a ser unha voz activa na defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia.

Deja un comentario