
As frecuencias, a intermodalidade e a adaptación aos eventos masivos foron os aspectos a mellorar máis destacados pola cidadanía
O Centro Cívico de Eirís acolleu esta tarde unha nova sesión sobre o futuro do transporte urbano, enmarcada no proceso participativo impulsado polo Goberno de Inés Rey, co obxectivo de recoller as principais demandas da cidadanía en relación co actual servizo de autobús.
A alcaldesa, Inés Rey, participou ao comezo do encontro agradecendo a presenza das persoas asistentes e subliñando a importancia destes espazos de diálogo para construír un servizo público que responda realmente ás necesidades da veciñanza.
Durante a sesión, o equipo técnico responsable do estudo de mobilidade expuxo os principais datos de desprazamento do distrito 8, que abrangue barrios como Eirís, Pedralonga, Palavea e Xuxán. A actividade incluíu unha dinámica participativa onde as persoas asistentes puideron identificar necesidades e propoñer melloras en aspectos como a frecuencia das liñas, as conexións intermodais, a accesibilidade ou a cobertura do servizo.
O distrito 8 ten unha poboación estimada de 11.267 habitantes e está atendido por 8 liñas de autobús urbano (1, 1A, 2A, 12, 12A, 17, 20, 22, 24), cun total de 37 paradas. A rexedora destacou que “escoitar directamente á veciñanza axuda a afinar as decisións que se adoptarán no novo contrato do servizo de autobús urbano”.
Percepcións e propostas da veciñanza
Segundo os resultados da enquisa realizada durante a sesión, os prezos foron o aspecto mellor valorado, cunha puntuación media de 7,6 sobre 10, seguidos pola accesibilidade (6,8) e a calidade das liñas e paradas (6,2). En cambio, a frecuencia das liñas (4,1) e a intermodalidade (4,5) recibiron as puntuacións máis baixas, o que evidencia a necesidade de melloras nestes ámbitos.
As persoas participantes sinalaron a mellora das frecuencias, da intermodalidade e da adaptación do servizo a eventos masivos como os aspectos prioritarios para o futuro contrato. Pola súa banda, o prezo e a accesibilidade foron percibidos como aspectos que requiren menos intervención.
Próximos encontros
O vindeiro encontro terá lugar o 12 de xuño no Centro Cívico de Elviña, ás 18.30 horas.
O calendario completo dos próximos encontros é o seguinte:
● 12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
● 14 de xuño: Circo de Artesáns
As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.