Thursday 12 de June de 2025

O Camiño da Ría de Muros Noia presenta un libro sobre a grandiosa odisea de Pietro Querini e defende a candidatura da Vía Querinissima como itinerario cultural europeo


“O itinerario da peregrinación de Pietro Querini (1431) de Muros a Santiago de Compostela” recolle a viaxe do navegante veneciano, cuxa peregrinación fixou o itinerario do Camiño da Ría de Muros Noia

“Esta publicación é unha modesta contribución da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia ao traballo que institucións de toda Europa están a dedicar á recuperación da memoria e a afondar no coñecemento da grandiosa odisea de Pietro Querini. Un traballo co que contribuímos a ampliar o coñecemento sobre a Querinissima e un aspecto tan pouco coñecido da cultura xacobea, polo que agardo que poidamos inspirar novos proxectos e colaboracións que engrandezan o legado da Querinissima e do Camiño da Ría de Muros Noia”.

Con estas palabras Santiago Freire, presidente da Asociación de Concellos da Ría Muros Noia, presentaba hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago o libro “O itinerario da peregrinación de Pietro Querini (1431) de Muros a Santiago de Compostela”. Un acto no que estivo acompañado por Mario César Vila, arqueólogo e coautor da obra; Marcelino Agís, presidente da Academia Xacobea; e María Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, ademais de representantes dos nove municipios que conforman a asociación, como os alcaldes de Porto do Son e Outes, e concelleiros de Ames, Brión, Rois e Muros.

Freire Abeijón lembrou que “cando presentamos este libro en Venecia, trasladáronnos a importancia de Querini para o Véneto en particular, pero tamén para toda Italia, Noruega e outros países europeos, polo que estamos a traballar para que a Via Querinissima acade ese recoñecemento internacional”. Un itinerario cultural ao que agora se engade o atractivo do Camiño da Ría de Muros Noia, recoñecido polo Arcebispado e que, unido a unha peregrinación de 90 millas náuticas, permite obter a Compostela.

Vocación xacobea

Pola súa banda, Marcelino Agís apuntou que “este libro é extraordinario, é unha invitación a seguir falando deste Camiño e da vocación Xacobea da Ría Muros Noia. Precisamente a Academia Xacobea é moi sensible a este tipo de estudos históricos e, como os xacementos arqueolóxicos amosan, os viaxes polo mar eran moi frecuentes por diferentes motivos. Ademais non debemos esquecer que o corpo do Apóstolo Santiago foi trasladado polo mar”.

Este libro, editado pola Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia en tres idiomas (galego, inglés e italiano), é froito dun traballo de investigación de varios anos realizado polos arqueólogos Mario César Vila e Sofía Baqueiro; o historiador Anxo Rodríguez; o urbanista Javier González Harguindey; e os arquitectos Marcial Rodríguez, Alberto Redondo e José Valladares. Na presentación de hoxe, Mario César Vilas manifestou que “a publicación dun libro destas características é un motivo de felicidade”. Unha obra que cualificou coma “colectiva, porque é froito de estudos, investigacións e coñecementos”, agradecendo ás autoridades presentes “a independencia e liberdade que nos deron no desenvolvemento do noso traballo multidisciplinar”.

Mario César Vila puxo en valor que “nese 1431, Querini fai un periplo daquela novidoso, porque faltan aínda 61 anos para que se descubra o novo mundo, e este é un intento de chegar dende o Mediterráneo ao norte de Europa cunha fin comercial”. Porén, o arqueólogo confirmou que “a súa viaxe foi un desastre. Colleu un ano con moi mal clima e en Cádiz tivo que parar porque rompeu o timón, foi cara Canarias en vez de subir cara o norte, tivo que parar en Lisboa e tamén en Muros, que foi onde decidiu ir pedir auxilio ao Apóstolo Santiago. E vese que o Apóstolo non lle fixo moito caso porque en Flandes tamén tivo continxencias e ao chegar a Noruega naufragou. De 68 homes, so quedaron 16.Pero puido volver e facer unha relatio que se conserva na Biblioteca do Vaticano e que nos permite ver como o 26 de outubro de 1931 chegou a unha Compostela coa catedral románica, a finais da Idade Media. Unha peregrinación que el detalla moi ben”.

Estrutura do libro

Este libro foi editado pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, en colaboración coa Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e a asociación Vía Querinissima. A peregrinación de Pietro Querini é fundamental xa que establece tres fitos constituíntes do Camiño da Ría de Muros Noia: o punto de inicio, no porto de Muros; a distancia, 73 quilómetros ata Compostela; e o trazado.

O libro consta de 160 páxinas e nove capítulos. O primeiros serven para documentar a historicidade e a inxente documentación que constata a existencia dunha ruta xacobea pola Ría de Muros Noia dende o século XII. Despois, a publicación afonda na viaxe de Querini e na figura do navegante veneciano.

A parte gráfica é especialmente destacable na publicación, especialmente polos mapas históricos que se recollen ao longo do libro así como por toda a documentación relacionada con esta peregrinación, entre as que se inclúen unha descrición detallada do itinerario do Camiño por concellos (Muros, Outes, Noia, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela). Así mesmo, o libro complétase cun rico anexo cartográfico.

Deja un comentario