Thursday 12 de June de 2025

A Coruña celebra o Día Internacional do Xogo cunha gran xornada lúdica na praza de María Pita e nos centros escolares da cidade


A praza pecharase para acoller xogos para nenos e nenas de 2 e 3 anos

O Concello da Coruña súmase este martes, 11 de xuño, á celebración do Día Internacional do Xogo cunha programación especial dirixida á infancia, organizada en coordinación cos centros educativos da cidade. A xornada desenvolverase entre as 10.00 e as 12.00 horas e incluirá actividades simultáneas nos patios dos CEIP e das escolas infantís, así como un evento central na praza de María Pita, que se pechará ao tráfico. Este espazo emblemático transformarase de maneira temporal nun gran escenario de xogo para o alumnado de 2 a 3 anos das escolas que forman parte da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM), acollendo xogos e obradoiros pensados especificamente para esta etapa educativa.

A iniciativa insírese no marco da campaña global Hora de Xogar, promovida pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras, que ten como obxectivo poñer en valor o xogo como un dereito fundamental da infancia. A Coruña participará así nunha acción internacional que implicará a milleiros de crianzas en máis de 50 cidades do mundo.

Cómpre salientar que o Día Internacional do Xogo é unha xornada proclamada oficialmente pola ONU (https://www.un.org/es/observances/international-day-of-play), que se celebra anualmente o 11 de xuño, para destacar a importancia de preservar, promover e dar prioridade ao xogo para que todas as persoas, especialmente os nenos e as nenas, poidan cultivar os seus froitos e desenvolver todo o seu potencial.

Durante a mañá, os patios escolares converteranse en espazos lúdicos onde o protagonismo recaerá no xogo libre, creativo e compartido. Paralelamente, a praza de María Pita acollerá unha xornada específica para alumnado de 2 e 3 anos, articulada en nove estacións temáticas que permitirán a rotación dos grupos por diferentes propostas:
● Xogos con instrumentos musicais
● Bailes con pompas de xabón
● Animación con Cantaxogos
● Xogos con paracaídas
● Gran xogo da memoria
● Circuitos de correpasillos
● Actividades de psicomotricidade
● Xogos de construción con bloques xigantes
● Mesas de area

Cada estación contará con persoal especializado e co material necesario para garantir unha experiencia segura e estimulante. Esta programación será posible grazas á coordinación cos centros participantes e ao esforzo organizativo dos servizos municipais.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, asistirán ao evento central na praza de María Pita, onde acompañarán o alumnado participante e aos equipos organizadores.

A celebración do Día Internacional do Xogo reforza o modelo de cidade educadora que se está a consolidar na Coruña, un modelo no que o espazo público se concibe como lugar de encontro, aprendizaxe e convivencia. Un enfoque que se sustenta no compromiso do Goberno municipal co benestar da infancia e co deseño dunha cidade inclusiva e pensada para todas as idades.

Deja un comentario