
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e os municipios participantes cofinancian con preto de 530.000 euros a contratación das 170 formacións artísticas que lle dan forma a esta programación
A carteleira, que se desenvolve ata o 31 de agosto, arranca o vindeiro día 15 cos espectáculos de Cris de Caldas en Barreiros, Angeles Goás en Paderne, e Fran Rei e A Vela Circo en Vilagarcía de Arousa
A Xunta impulsa unha nova edición do circuíto estival de espectáculos Cultura no Camiño, que do 15 de xuño ao 31 de agosto achegaralles 310 actuacións de artes escénicas e de música a 88 dos municipios polos que discorren as diferentes rutas xacobeas ao seu paso por Galicia. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e os concellos participantes organizan e cofinancian esta programación, que conta cun investimento de preto de 530.000 euros integramente destinado á contratación das 170 formacións artísticas galegas que lle dan forma a esta carteleira de circo, danza, música, narración oral e teatro.
Esta iniciativa, que vai xa pola súa 13ª entrega, ten como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural galega, máis alá dos principais núcleos urbanos e co foco posto nas rutas de peregrinación. Coincidindo, ademais, coa época de maior afluencia de camiñantes e visitantes en xeral, Cultura no Camiño funciona tamén como unha plataforma desde a que compartir a riqueza, a diversidade e o talento artístico das artes escénicas e a música de Galicia.
Previsión de máis de 38.000 asistentes
De acceso gratuíto, a meirande parte destas propostas están programadas en espazos ao aire libre e dirixidas ao público familiar. De acordo coas cifras de asistencia rexistradas en anos anteriores, pódese estimar que esta 13ª edición de Cultura no Camiño sume máis de 38.000 espectadores nos 88 concellos participantes.
A programación arrancará o vindeiro domingo día 15 en Barreiros (Lugo), onde Cris de Caldas ofrecerá o monólogo Doña Emilia e Señora Carmen a partir de diferentes relatos de Emilia Pardo Bazán; Paderne (A Coruña) co espectáculo de narración oral O medo é libre, de Ángeles Goás, e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) coas montaxes A historia de Brancaflor, a cargo de Fran Rei, e O último que apague a luz, de A Vela Circo.
As actuacións continuarán ata o 31 de agosto, cun intenso calendario de actividades, das que 102 actuacións se celebrarán en 32 concellos da provincia da Coruña: A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cabanas, Carral, Cee, Corcubión, Dozón, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Miño, Muxía, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado e Teo.
No caso de Lugo, son 68 funcións as programadas en 17 municipios (A Fonsagrada, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pantón, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil e Sarria), mentres que outras 57 terán noutros 17 municipios ourensáns (A Mezquita, A Rúa, Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Taboadela, Verín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía).
A carteleira complétase coas 82 representacións escénicas e concertos que terán lugar ata finais de agosto en 22 concellos pontevedreses: A Guarda, A Illa de Arousa, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Lalín, Meaño, Mos, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Clasificación por modalidades
Ademais, das 310 actuacións programadas, 114 corresponden a representacións de teatro e danza con compañías como A Cova das Letras, A Familia Bocaprier, Bandullo Azul, Fran Sieira Compañía de Danza, MeRe Clown, Migallas Teatro ou Nelson Quintero.
Pola súa banda, os espectáculos de maxia suman 36 funcións de nomes tan coñecidos en Galicia como o Mago Teto ou Mago Antón, mentres que o circo contemporáneo conta con 73 citas a cargo de formacións como AsSircópatas, Circo Chosco, Peter Punk Pallaso, Pistacatro ou SU.MA.
Como en anos anteriores, a música ten tamén unha presenza destacada nesta programación, á que lle achega 87 concertos de moi diferentes estilos, como os que ofrecerán A Banda do Verán, Emilio Rúa, Mekánica Rolling Band, Odaiko ou Pakolas.
A programación actualizada pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.