
O Concello ultima os traballos de restauración no primeiro andar
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta tarde a inauguración da mostra ‘Collages picto-gráficos’, do artista Manuel Silvestre Visa.
Trátase dunha exposición de deseño e pintura que pode visitarse na planta baixa da Casa Museo Pablo Picasso. O acceso á mostra é libre.
“Con esta mostra reabrimos as postas desta Casa Museo tras levar a cabo tarefas de restauración e mellora no seu conxunto, froito do compromiso do Goberno de Inés Rey por preservar o legado de Pablo Picasso na cidade e facer deste un lugar de encontro para artistas e visitantes”, indicou Gonzalo Castro.
Doutor e catedrático da Universidade Politécnica de Valencia, Manuel Silvestre é un avezado artista plástico, gravador e experto en serigrafía. Cunha ampla traxectoria e diversidade presentou a súa obra en multitude de exposicións individuais ao longo de todo o territorio español e participou en numerosas exposicións colectivas en Alemaña, Italia, California, Francia, ou Luxemburgo, entre outras.
Entre os seus traballos tamén está a edición de obra gráfica con serigrafías e gravados.
Algunhas das súas mencións e recoñecementos son: premio de escultura en forxa da Escola de Artes e Oficios de Madrid, Medalla de gravado no XXXIV Salón de Outono de Palma de Mallorca, Medalla da I Bienal de Arte da Escola Superior de Belas Artes de Valencia ou a Bolsa Fundación Torre-Pujaltes da Coruña.
Traballos de restauración no primeiro andar
O Concello da Coruña está a ultimar os traballos de mellora no primeiro andar desta Casa Museo Pablo Picasso, que abrirá ao público proximamente. Este espazo está destinado a usos múltiples que amplían a oferta de actividade cultural no inmoble. Entre as actuacións que se acometeron nos últimos meses está a restauración das carpintarías interiores ou a substitución de tabiques de barrote por novas estruturas de madeira. O investimento municipal nesta actuación, que finalizará proximamente, foi de 107.000 euros.
A Casa Picasso, un edificio construído no ano 1888 e situado no número 14 da rúa Paio Gómez, no barrio do Ensanche, forma parte da rede de Museos Históricos da Coruña. Foi no segundo piso deste espazo, entre os anos 1891 e 1895, onde viviu a familia Ruíz-Picasso durante os seus anos de estadía na cidade. E foi alí onde o artista Pablo Picasso experimentou os primeiros pasos da súa eclosión creativa, na súa nenez. Actualmente, a vivenda do segundo andar acolle a Casa Museo Picasso, aberta a visitas guiadas, con acceso de balde, co obxectivo de dar a coñecer a vida, obra e percorrido do artista andaluz na súa etapa na Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.