Wednesday 11 de June de 2025

O xardín de San Carlos, aberto desde hoxe tras completarse a plantación de oito novos exemplares de olmo resistentes á grafiose


O plan de rehabilitación do parque continúa co estudo da muralla, co obxectivo de acometer a súa restauración. Tamén remataron as obras de renovación dos aseos públicos do recinto, na Cidade Vella

O xardín de San Carlos, un dos grandes emblemas patrimoniais da cidade, volve a estar aberto á cidadanía desde hoxe, despois de que o Concello completase os traballos de plantación de oito novos exemplares de olmo resistentes á grafiose, unha praga que comezou a estenderse no continente europeo hai décadas.

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe sobre as actuacións executadas nos últimos meses polos servizos municipais, no contexto do plan de rehabilitación integral do parque, “que non só incluíu a plantación dos olmos resistentes á enfermidade, senón tamén a realización de catas arqueolóxicas e a recuperación e impermeabilización do aseo público do xardín”. En paralelo, avanza o estudo da muralla do xardín, co obxectivo de restaurala.

Rey detallou polo miúdo os pasos que seguiu o Concello en San Carlos, onde a grafiose abatiu tres olmos do xardín no ano 2022. Taláronse e repuxéronse outros tantos exemplares, xa dunha variedade desenvolvida precisamente para resistir a enfermidade. Mais, co paso do tempo, a
grafiose chegou tamén a outros dez olmos históricos do parque, que tamén tiveron que ser talados para evitar a expansión da grafiose aos outros 6 olmos orixinais que aínda hai en San Carlos.

San Carlos conta agora con 17 olmos e unha mellor distribución do arboredo

Agora, tras a plantación dos oito novos exemplares de olmo resistentes á grafiose —encargados a un viveiro especializado en Alemania—, o xardín de San Carlos conta actualmente con 17 árbores deste tipo, das que seis son olmos históricos protexidos, aos que aínda se están a aplicar tratamentos preventivos, tal e como lembrou esta mañá Noemí Díaz.

A concelleira expuxo esta mañá que, no contexto das catas arqueolóxicas executadas durante o desenvolvemento do plan de rehabilitación do parque, optouse por unha redistribución dos novos exemplares plantados, para evitar que as raíces afecten aos restos arquitectónicos existentes nos estratos inferiores do xardín, para contribuír á súa preservación.

O incremento das pragas, unha nova realidade á que cómpre adaptarse

Esta mañá, a alcaldesa recalcou que o Concello tentou poñer freo á grafiose en San Carlos de todas as formas posibles. Con tratamentos existentes e experimentais, tamén abrindo zanxas para separar os sistemas radiculares e evitar a propagación polas raíces, “mais A Coruña non quedou á marxe dunha praga que acabou con todas as olmedas de Europa”, indicou Rey, que lembrou que esta problemática tamén se viviu anos atrás en moitos puntos do país, como os bosques de olmos da Alhambra (Granada) e no Retiro (Madrid). “Falamos dunha realidade a escala continental, non só na Coruña”, expuxo.

A alcaldesa indicou que a grafiose só é un exemplo da realidade que está a vivir o país e, en termos xerais, o continente europeo, desde hai moitos anos, coas pragas. “Na meirande parte de casos, teñen que ver co asentamento de especies exóticas e cuestións como o cambio climático”, razoou, e apuntou tamén ao caso do picudo vermello, que está a levarse por diante centos de exemplares de palmeira en todo o territorio, afectando a cidades como Xixón, Santander ou Barcelona, entre moitas outras.
“Temos que converter en oportunidade feitos tan duros como este. Hoxe sentamos as bases para que as xeracións futuras gocen do mesmo xardín que disfrutamos nós, mellorado incluso coa recuperación da distribución orixinal dos parterres”, dixo Rey.

Deja un comentario