
A intervención supón a renovación completa de servizos clave como saneamento, a iluminación pública e as redes eléctricas e de telecomunicacións
A alcaldesa Sandra Permuy salienta que se trata dunha actuación estratéxica para mellorar a calidade de vida e preparar a rúa para os vindeiros anos
O Concello de Fene vén de recepcionar as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero, unha actuación de gran complexidade técnica que supuxo a renovación integral de infraestruturas básicas e que responde á vontade do goberno local de garantir espazos públicos accesibles, seguros e preparados para o futuro.
O proxecto incluíu a renovación completa da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, a canalización subterránea das redes eléctricas e de telecomunicacións, a modernización do alumeado público, así como a mellora das beirarrúas e da calzada. Con esta intervención, a rúa Antonia Montero está preparada para soportar con garantías o tránsito rodado e peonil durante os vindeiros anos.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, valorou moi positivamente esta actuación, que cualificou de “estratéxica e transformadora”. “Esta obra vai máis alá da mellora estética ou superficial, porque supón unha transformación profunda da rúa para adaptala ás necesidades actuais e garantir un entorno urbano de calidade para a veciñanza”, sinalou.
Pola súa banda, a concelleira de Obras, Mª Carmen Martínez, destacou o esforzo técnico e económico investido: “Foron traballos complexos, que afectaban a servizos básicos e que requiriron dunha planificación moi coidada. O resultado é unha rúa mellor preparada, máis accesible e segura, que responde aos estándares actuais de calidade urbana”.
O investimento total da actuación ascendeu a 172.400 euros, financiados con cargo ao POS+ Adicional 2/2021 – 1ª Fase da Deputación da Coruña.
Esta reurbanización enmárcase na aposta do goberno local pola renovación progresiva e planificada das infraestruturas municipais, con obras que melloran o día a día da veciñanza e contribúen á modernización do conxunto do concello.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.