Wednesday 11 de June de 2025

Arranca unha nova edición de Compostela Diversa co fin de dar visibilidade á realidade LGBTIQ+


Compostela Diversa 2025 chega cun programa amplo e diverso que aposta pola cultura como ferramenta de visibilización, reflexión e celebración das identidades LGTBIQ+. A súa programación, que presentou hoxe en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, combina arte, pensamento e participación social para facer de Compostela un concello “máis aberto, inclusivo e orgulloso da súa diversidade”.

A rexedora fixo fincapé na importancia de programas como Compostela Diversa: “somos plenamente conscientes da situación actual. Vivimos nun tempo no que os discursos de odio se espallan con vertixinosa rapidez e voracidade, gañando espazo na sociedade. A irrupción e tendencia alcista destes discursos preocúpannos moitísimo. Son unha terrible ameaza para o xa conquistado, e para o que fica por acadar, en materia de igualdade e inclusión”, motivo polo cal “mantémonos firmes no noso claro e forte compromiso na protección, fomento e educación en igualdade e respecto á diversidade”.

Programa

O programa de Compostela Diversa 2025 inclúe actividades lúdicas e formativas dirixidas a todos os públicos, con algunhas delas pensadas especificamente para público infantil e familiar.

1.            A primeira das actividades terá lugar hoxe martes 10 de xuño ás 19 horas na Casa Xohana Torres. Contaremos con Aranxa Vicens no obradoiro Construíndo e preservando a memoria LGBTIQ+ no fanzine. Aranxa é comunicadora especializada en temas de memoria LGBTIQ+, autoedición e fanzines. Neste taller, as participantes afondarán nas identidades de xénero desde unha óptica LGBTIQ+ e decolonial, empregando a escrita e a autoedición como ferramentas creativas.

2.            Mañá 11 de xuño, tamén ás 19 horas na Casa Xohana Torres acompañaranos Leidy Silva no obradoiro Acuarela experimental. Leidy Silva é unha deseñadora plástica e artista visual. A súa metodoloxía busca empoderar ás persoas participantes mediante a creación de espazos seguros e creativos onde se poidan expresar libremente e compartir experiencias.

3.            A terceira actividade, datada para o 14 de xuño, tamén na CXT ás 19 horas, consistirá nunha Mesa Redonda, Pasado, presente e futuro: palabras con Orgullo. Será un espazo de diálogo interxeracional e plural no que voces diversas reflexionarán sobre a evolución dos dereitos e das realidades LGTBIQ+: dende as loitas históricas ata os desafíos actuais e as esperanzas de futuro.

4.            O martes 17 ás 19 horas, tamén na Casa Xohana Torres, presentamos o obradoiro vivencial: Corpo Común. Un encontro vivo para habitarnos e expresarnos en grupo, con Yolanda Paz,  profesional do ámbito artístico e social.

Este obradoiro ofrece un espazo seguro e inclusivo para traballar o autocoñecemento, a identidade e a diversidade a través do corpo, o movemento e a expresión artística. A actividade convida a explorar estruturas que condicionan as relacións interpersoais e a percepción individual, propoñendo dinámicas baseadas no xogo, na reflexión e na creación colectiva.

5.            No Palco da Alameda, o 18 de xuño ás 18 horas, Con Caxoto brindaranos un espectáculo infantil e familiar, Planeta LGBTIQ+. Un contacontos para todos os públicos no que o narrador Caxoto,  leva ás crianzas e ás súas familias a unha viaxe imaxinativa e divertida por un planeta onde todas as identidades teñen cabida. Cun enfoque lúdico, pedagóxico e inclusivo, o espectáculo aposta pola diversidade, o respecto e a liberdade como valores fundamentais, fomentando a empatía desde a infancia a través da oralidade e a fantasía.

6.            O 19 de xuño, novamente na Casa Xohana Torres ás 19 horas, terá lugar o obradoiro Corpos que celebran sen pedir permiso: reconectar coa esencia dende a tenrura, con Angelly Ferreiro, educadora social e dinamizadora galega especializada en procesos formativos con enfoque antirracista, decolonial e feminista interseccional. A actividade ofrece un espazo para a expresión corporal e emocional desde o coidado, a escoita e o gozo.

7.            No Palco da Alameda, novamente, o 20 de xuño ás 19 horas, desfrutaremos de Gael Martins, artista que mestura música, poesía e identidade nunha proposta íntima e reivindicativa, no concerto Gael de Papel. Un proxecto artístico que conxuga a palabra cantada e recitada, visibilizando realidades disidentes e apostando pola diversidade desde a emoción e a creatividade, especialmente pensado para público infantil e familiar.

8.            A Gala do Orgullo 2025, terá lugar na Praza de Mazarelos 21 de xuño a partires das 20 horas. Será dirixida este ano por Scarlatina Pier. E contaremos coas actuacións de Catuxa Salom, Liteah, Yasmine Lutar, Amanda Carallo e DJ Saya. Un serán para celebrar con orgullo, música e reivindicación a diversidade sexual e de xénero. Contaremos cun cartel de artistas que apostan pola liberdade escénica e a visibilización das disidencias: desde o pop ata a performance drag, pasando polo baile, o humor e a música electrónica.

9.            O 25 de xuño ás 19 horas teremos outro obradoiro na Casa Xohana Torres: As voces da diversidade: percorrido poético-activo pola realidade LGTBIQ+. Será a cargo de Maitane Vicente Mariño, traballadora social e fundadora de ULA Libraría Social. Este obradoiro propón un espazo de creación colectiva no que a poesía e a escrita se converten en ferramentas de cambio e de benestar.

10.          O 26 de xuño ás 18 horas, no mesmo espazo (CXT), contaremos cun taller monográfico de debuxo da man de Greta Deliberius: Arte contra os moldes de xénero. Greta é tatuadora e ilustradora, será a encargada de guiar esta sesión, baseada na súa ampla experiencia en proxectos editoriais, culturais e artísticos relacionados coa diversidade e a autoedición. Este taller práctico convida a repensar os corpos e as identidades desde a arte visual, cuestionando os mandatos de xénero impostos e promovendo representacións máis diversas, libres e inclusivas.

11.          Para o peche deste amplo e completo programa que presenta Compostela Diversa 2025, contaremos co faladoiro Diversidade para todes, relatado por Éric Dopazo, activista trans galego, educador e artista multidisciplinar comprometido coa defensa dos dereitos LGTBIQ+ e a visibilización das diversidades. Este faladoiro ofrece un espazo de reflexión aberta arredor do concepto de diversidade, abordado desde unha perspectiva crítica, interseccional e inclusiva. Será na Casa das Máquinas ás 19 horas o venres 27 de xuño.

Deja un comentario