Friday 13 de June de 2025

Neda celebra este mércores a súa XXIII Gala do Deporte


O evento estará apadriñado polo ex dianteiro do Deportivo e do Betis, afincado na localidade, Juanito

Neda celebrará este mércores, 11 de xuño, a súa tradicional Gala do Deporte. A cita terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 20 horas. E nela recoñecerase o esforzo, o traballo e os resultados obtidos polos deportistas locais ao longo da temporada 2023-2024. Unha ocasión especial que require dun padriño de excepción. Desta volta, toda unha institución do deporte rei, o incombustible ex-dianteiro do Deportivo ou do Betis, Juanito (Juan Luis Amigo), quen reside actualmente de Neda.

Na XXIII Gala do Deporte de Neda serán galardoados polos méritos unha vintena de deportistas locais das máis diversas disciplinas (fútbol, natación, atletismo, tenis, baile deportivo, automobilismo…)

Ademais, durante o evento entregaranse catro mencións especiais. Premiarase ás mellores promesas masculina e feminina (menores de idade) e, como non, descubrirase en que recaerá o título de “mellor deportista de Neda”.

E para apadriñar as entregas, o Concello elixiu a un futbolista cunha traxectoria que abrangue máis de tres décadas: Juanito Amigo (Oroso, 1969). Actual veciño de Neda debutou no Compostela, e pasou despois polo Deportivo- foi presentado xunto a Bebeto-, polo Betis, o Racing de Ferrol, o Mérida, o Levante… Cumpridos os 40,cumpriu o soño de volver ao Sigüeiro, equipo no que deu os seus primeiros pasos, e con 53, fichou polo Maniños, onde durante unha tempada compartiu equipo cos seus dos fillos. A pesar de ter colgado as botas, o padriño desta gala mantén viva a paixón polo deporte en xeral, e o fútbol e o atletismo en particular.

Deja un comentario