Friday 13 de June de 2025

Rueda reivindica o compromiso da Xunta coa saúde dos traballadores e a prevención de riscos laborais


— Destaca a posta en marcha do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal para aumentar a eficiencia do sistema sanitario, mellorar a atención ao paciente e reducir a burocracia

— Resalta o absentismo laboral coma un dos actuais retos das empresas e administracións xa que “resta competitividade”

— A Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, dotada con 56 M€, conta con máis de 100 medidas para a prevención e a atención das persoas traballadoras

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor esta mañá o compromiso do Goberno galego coa saúde dos traballadores. Durante a inauguración do novo centro integral e asistencial de Ibermutua Gallega na Coruña, Rueda salientou a importancia de traballar “na prevención” de riscos laborais e ofrecer servizos sanitarios por todo o territorio para con “rigorosidade e efectividade” ofrecer a mellor atención aos traballadores con problemas de saúde.

Nestal liña, agradeceu o labor de Ibermutua Gallega ao longo dos últimos anos, especialmente dende a fusión de 2019, que inclúe o impulso a un ambicioso plan de investimentos en Galicia, cun volume superior aos 30 millóns de euros. Este esforzo permitiu ampliar e modernizar os centros asistenciais en cidades como A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense ou Vigo, consolidando á entidade como unha mutua de referencia tanto a nivel estatal como autonómico.

Tamén destacou a importancia da vertente preventiva da empresa, salientando a colaboración constante coa Xunta a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Entre as accións conxuntas desenvolvidas figuran desde a tramitación telemática de partes de accidente ata a organización de xornadas técnicas e seminarios virtuais especializados.

Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2027

A Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2027, dotada con 56 millóns de euros e que inclúe máis de 100 medidas orientadas á mellora da prevención e da atención das persoas traballadoras.
Ademais, o presidente mencionou a implementación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal, reducindo burocracia e aumentando a eficiencia do sistema sanitario. Como resultado destas medidas, a prevalencia dos procesos longos de incapacidade temporal se reduciu un 15 % no que vai de 2025.

Rueda tamén puxo en valor a integración de probas diagnósticas das mutuas na historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde, así como o reforzo da inspección sanitaria, que “permitiu citar de xeito presencial a máis de 20.000 traballadores nun só semestre, dos cales o 67 % recibiron a alta”.

O xefe do Executivo autonómico fixo fincapé tamén no reto de abordar o absentismo laboral inxustificado, lembrando que “Galicia ten unha taxa de absentismo laboral próxima ao 8%, cun impacto económico para a Seguridade Social de 850 millóns de euros anuais”. “Isto resta competitividade as empresas e entidades”, indicou.
Explicou que o traballo do Executivo galego pasa por que as persoas que están de baixa poidan recuperar a súa saúde canto antes e reincorporarse ao seu posto de traballo con seguridade e garantías.

Finalmente, Rueda reiterou o compromiso da Xunta por seguir traballando da man das mutuas, entidades e axentes sociais para definir un mercado laboral que coide das persoas e contribúa a unha Galicia máis próspera, moderna e comprometida co benestar colectivo.

Deja un comentario