Friday 22 de November de 2024

Comeza a segunda fase das obras de arranxo da estrada municipal Ordes-Cerceda


A Deputación da Coruña asigna 234.000 € para a mellora dun tramo de máis dun quilómetro. O ancho do firme pasará de 7 a 9 metros

Dende hoxe a estrada que une os concellos de Ordes e Cerceda, pasando por Virís, está en obras. Concretamente estase a proceder co arranxo do tramo de pouco máis dun quilómetro de lonxitude que parte do límite co municipio de Cerceda en dirección a Ordes. Unha intervención que inclúe labores de reformado e mellora do firme por un importe de 234.000 € sufragados pola Deputación da Coruña, e cuxa proposta inicial foi modificada para poder ampliar a dita vía de 7 a 9 metros de ancho.

Con todo isto dáse continuidade ao compromiso de arranxar esta estrada tan importante para ambos os municipios, e que a día de hoxe presenta un alto grao de perigosidade debido ao mal estado que presenta. Unha situación derivada maiormente polo enorme tránsito de camións pesados que ata que hai meses facían uso desta vía para dirixirse á planta de SOGAMA.

Cabe lembrar que xa no pasado mes de setembro levouse a cabo unha primeira fase deste proxecto, co arranxo e a mellora nun tramo de medio quilómetro situado na entrada ao polígono industrial de Merelle. Concretamente efectuáronse traballos de limpeza de cunetas, sobreancheado e fresado do firme.

Máis de 1,75 millóns
Xa no pasado mes de decembro a Xunta de Galicia facía pública a inclusión de 1,75 millóns de euros nos seus orzamentos para o arranxo desta estrada. Un orzamento cuxa distribución divídese en dúas contías anuais. Para este ano están consignados 750.000 € e outro tanto para o vindeiro 2017. A esta cifra hai que sumar outros 250.000 € para acometer a expropiación do solo naqueles puntos onde se realizará un ensanchado da superficie rodante.