Friday 13 de June de 2025

Abre o prazo de inscrición para participar no programa municipal Coruña no Mar, con máis de 500 prazas


As persoas interesadas en practicar actividades náuticas nos meses de xullo e agosto poderán solicitalo ata este xoves 12

O Concello da Coruña ofrece, como cada verán desde o 2021, o programa de actividades náuticas aberto a toda a cidadanía Coruña no Mar. Este ano haberá máis de 500 prazas para participar en diferentes actividades durante os meses de xullo e agosto, desenvolvidas en colaboración con diferentes entidades. O prazo de inscrición ábrese este martes 10 ás 14.00 horas e pecharase o xoves 12 ás 23.59 horas.
“O obxectivo desta iniciativa do Goberno de Inés Rey é brindar oportunidades de aprendizaxe á cidadanía en diversas disciplinas deportivas náuticas e acuáticas, como paddle-surf; vela lixeira; windsurf ou kayak de mar”, sinala Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

Os cursos previstos están dirixidos ao conxunto da cidadanía, abarcando nenas e nenos (as idades varían en función das modalidades deportivas), mocidade e poboación adulta, sempre que cumpran dous requisitos: o primeiro, saber nadar; e, por outra banda, que as persoas participantes cumpran coa idade mínima requirida para cada un dos cursos e actividades que figuran na convocatoria, referida a que terán a 31 de decembro deste ano.

Ademais, as actividades previstas axudarán a poñer en valor o gran potencial de infraestruturas náuticas coas que conta A Coruña, facilitando oportunidades de aprendizaxe á cidadanía coa colaboración das entidades deportivas coruñesas.

Neste 2025 haberá un total de 517 prazas dispoñibles para realizar actividades náuticas durante os meses de xullo e agosto na cidade. Do total, 435 serán en cursos semanas de luns a venres e 82 serán para xornadas de fin de semana.

Toda a programación de Coruña no Mar para este 2025 está dispoñible na páxina web
www.coruna.gal/nomar. As entidades que colaboran co Concello neste programa son: Club Marítimo Oza O Puntal, Real Club Náutico de La Coruña, Club de Vela Playa Oza, Sociedade Deportiva As Xubias e Club Náutico Marina Coruña.

Proceso de inscrición

As persoas interesadas poderán inscribirse a través de www.coruna.gal/nomar do 10 ao 12 xuño. A continuación, enuméranse as distintas fases do proceso de inscrición:
● Solicitudes: 10 a 12 de xuño ás 23:59 h
● Listaxe provisional de solicitantes: 13 de xuño a partir das 15:00h
● Prazo de corrección: 13, 14 e 15 de xuño
● Listaxe definitiva de solicitantes: 16 de xuño ás 13:30 h
● Sorteo: 17 de xuño ás 12:30h
● Listaxe de persoas admitidas/en agarda: 18 de xuño a partir das 15:00h
● Formalizacion da matrícula: do 19 ao 23 de xuño
● Movemento da listaxe de agarda: 23 ao 26 de xuño
● Segundo período de inscrición: 30 de xuño ao 4 de xullo

Deja un comentario