Friday 13 de June de 2025

Rosario Flores actuará no Palacio da Ópera o 13 de decembro para presentar ‘Universo de Ley’


As entradas para o concerto saen á venda este martes

Rosario Flores regresa á Coruña para presentar en directo o seu novo disco, ‘Universo de Ley’, coa súa exitosa xira homónima que resume máis de tres décadas de carreira musical e na que interpretará todos os seus grandes éxitos. Unha nova e moi especial cita musical que terá lugar o 13 de decembro no Palacio da Ópera. “O Goberno de Inés Rey aposta por ofrecer todos os meses do ano actuacións musicais de máxima calidade nos diferentes espazos municipais, consolidando a posición de A Coruña como gran polo cultural de Galicia”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Recoñecida polo seu inconfundible estilo que fusiona flamenco, pop e ritmos latinos, Rosario Flores é unha figura indispensable da música española. Ao longo dos seus máis de trinta anos de carreira, lanzou unha quincena de discos, recibiu numerosos recoñecementos entre os que destacan: tres Grammys Latinos, doce Discos de Platino, tres Premios Ondas e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. E os seus espectáculos en vivo, que se contan por miles, cheos de enerxía e paixón, consolidárona como unha das artistas máis queridas polo público.

O álbum que agora presenta nesta xira é unha homenaxe aos seus inicios e nel, Rosario, volveu a gravar os seus primeiros éxitos a dúo con grandes figuras mundiais da música hispana. A xira, que xa pasou por moitas grandes cidades e colgou o cartel de “entradas esgotadas” na gran maioría, promete momentos inesquecibles, con interpretacións de temas emblemáticos como “Sabor, sabor”, “Como quieres que te quiera”, “Qué bonito” ou “No dudaría”.

As entradas para este concerto, que conta co apoio do Concello da Coruña, xa se atopan dispoñibles na web da promotora www.emotionalevents.es.

Deja un comentario