Friday 13 de June de 2025

Aberto o prazo para solicitar as axudas á rehabilitación que impulsa o Concello, con 5 millóns de euros para cofinanciar melloras de eficiencia enerxética


A convocatoria vai destinada a bloques residenciais e vivendas dos ERRP da Cidade Vella – Pescaría, o grupo de vivendas María Pita (Labañou), as Casas de Franco (Ventorrillo) e o Barrio das Flores

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas coas que o Concello financia actuacións de rehabilitación orientadas a mellorar a eficiencia enerxética en bloques residenciais ou vivendas unifamiliares nos distritos da Cidade Vella – Pescaría, o grupo de vivendas María Pita (Labañou), as Casas de Franco (Ventorrillo) e o Barrio das Flores.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, lembrou que, ao ser unha convocatoria financiada con fondos europeos Next Generation, esta vai destinada especificamente aos entornos residenciais de rehabilitación programada (ERRP) destes catro ámbitos da Coruña, ben pola tipoloxía de vivendas ou pola súa antigüidade.
“Estas axudas complementan o paquete de medidas que estamos a implementar en materia de vivenda, para fortalecer o parque residencial público da cidade. Este ano demos pasos fundamentais para poñer freo á situación actual do mercado inmobiliario na Coruña, mais sabemos que é preciso actuar noutros eidos, como a rehabilitación de vivendas xa en uso. Con estas subvencións, confiamos en que persoas propietarias poidan adaptar as súas e dispoñer dun maior confort e calidade de vida”, explicou Díaz Gallego.

Tal e como avanzou a alcaldesa, Inés Rey, días atrás, o orzamento destinado a esta convocatoria é de 5,1 millóns de euros. O prazo para solicitar as axudas estará aberto ata o día 7 de xullo.
A presentación das solicitudes de axuda, preferiblemente por canle electrónica Tal e como establecen as bases da convocatoria, xa publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e expostas na páxina web do Concello, as actuacións a financiar deben estar iniciadas despois do 1 de febreiro de 2020 e rematadas antes do 30 de xuño de 2026.

As persoas interesadas en obter as axudas deberán presentar a súa solicitude no prazo máximo dun mes, preferiblemente por vía electrónica, mais tamén se poderá presentar fisicamente. Toda a información está dispoñible nesta ligazón.

Deja un comentario