
Ángeles Vázquez explica que xa se compraron 110 hectáreas por máis de 640.000 euros a unha trintena de propietarios
Os terreos adquiridos hoxe están localizados nos concellos da Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez, ocupan unha superficie de preto de 80 hectáreas e súmanse ás 40 parcelas compradas anteriormente
Estas compras enmárcanse nun programa pioneiro promovido polo Goberno galego para reforzar o peso da superficie pública neste espazo natural, no que o 80% dos terreos son de titularidade privada
Xa comezaron os traballos de restauración ambiental das primeiras parcelas adquiridas o ano pasado a través da eliminación de especies invasoras e a retirada de árbores enfermas
A Xunta de Galicia adquiriu 56 parcelas máis nas Fragas do Eume por máis de 457.000 euros e negocia a compra doutro centenar para ampliar a superficie pública deste parque natural ata as 2.000 hectáreas.
Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, logo de asinar a escritura de compravenda cos 13 propietarios destas 56 parcelas, que están localizadas nos concellos da Capela (23), Monfero (25) e As Pontes de García Rodríguez (8) e supoñen unha superficie de preto de 80 hectáreas, estas fincas súmanse ás 40 adquiridas con anterioridade polo Goberno galego.
“En total, levamos comprado xa preto de 100 parcelas, cunha superficie de 110 hectáreas por máis de 640.000 euros a unha trintena de propietarios”, subliñou Ángeles Vázquez.
E, tal e como avanzou a conselleira, a Xunta xa está a tramitar o que sería o sexto lote deste procedemento a través do que se prevé a adquisición doutro centenar de parcelas, que suporían unha superficie aproximada de 50 hectáreas, por un importe de arredor dos 300.000 euros.
Cómpre lembrar que estas compras enmárcanse nun programa pioneiro promovido polo Goberno galego tras a aprobación do Plan de uso e xestión deste parque natural no ano 2023 para reforzar o peso da superficie pública neste espazo natural, no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.
O obxectivo desta iniciativa, que conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas que caracterizan ás Fragas do Eume, un espazo natural protexido que se estende polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez.
De feito, a conselleira incidiu en que xa comezaron os traballos de restauración ambiental das primeiras parcelas adquiridas o ano pasado a través da eliminación de especies invasoras e a retirada de árbores enfermas. Ademais, tamén se está levando a cabo o anelado de exemplares de especies invasoras que, por dificultades técnicas, non é posible a súa retirada.
Ángeles Vázquez insistiu en que a Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.
Nesa liña, o Parque Natural Fragas do Eume, que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río, é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.