
Están afectados 2.355 metros lineais da vía, que pasarán a ter unha anchura de 10 metros.
As obras de renovación integral da estrada de Montemaior que comunica Santa Margarita con A Baiuca pasando polos núcleos de Goexe, O Sopé e Propeste comezarán a executarse de xeito inminente trala reunión mantida polo alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, co director de obra e o responsable da empresa adxudicataria, J. Mauri e Hijos S.L., na zona de acopio do material.
Trátase dun amplo, completo e ambicioso proxecto que suporá unha mellora substancial das comunicacións nesa zona que nos últimos anos rexistrou un notable incremento do volume de tráfico e que supón o acceso principal cara a capela de Santa Margarida. A actuación presenta tres obxectivos prioritarios: aumentar a seguridade viaria ao facilitar a circulación dos vehículos, incrementar os servizos e reducir os tempos de percorrido para os usuarios da vía.
En total están afectados 2.355 metros lineais da estrada, que unha vez executado o proxecto pasarán a ter unha anchura da plataforma da calzada de dez metros, o que supón máis do dobre que a actual, especialmente no tramo entre A Baiuca e Propeste no que non alcanza os cinco metros. Ademais, a superficie de rodadura contará cun novo pavimento e serán instalados elementos de seguridade como biondas e a correspondente sinalización horizontal e vertical. Tamén se mellorará a rede de recollida de augas pluviais.
O proxecto presenta un orzamento de 390.000 euros, ademais dos 62.600 euros investidos previamente polo Concello na adquisición das sesenta e cinco parcelas catastrais afectadas polas obras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.