Monday 09 de June de 2025

A Xunta Local de Seguridade avalía a situación da seguridade en Santiago e aborda o dispositivo especial para O Son do Camiño


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiron hoxe a reunión da Xunta Local de Seguridade convocada para repasar os detalles do dispositivo especial de seguridade por mor do festival O Son Do Camiño, que se celebra a partir do xoves. Na xuntanza tamén participou o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, así como os representantes dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade. Ademais, na reunión avaliouse a situación global da seguridade en Santiago, con especial atención á violencia de xénero.

A alcaldesa e a subdelegada do Goberno coincidiron en salientar que os últimos datos demostran que Santiago segue sendo unha cidade segura. Goretti Sanmartín explicou que “malia os repuntes que sufrimos nalgunhas tipoloxías de delitos, os últimos datos demostran que a tendencia é claramente á baixa nos índices de delincuencia”. Nese sentido, felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo traballo dos últimos meses en relación aos roubos e ao tráfico de drogas “que deu os seus froitos para termos unha situación calmada, e que continúa porque os labores de investigación precisan dos seus tempos”. Na mesma liña, María Rivas puxo en valor “a moi boa colaboración entre a Policía Nacional e a Local, tamén en permanente interlocución coa veciñanza”.

A Xunta Local de Seguridade avaliou especialmente os datos relacionados coa violencia de xénero, “unha cuestión prioritaria para as diferentes administracións”. Segundo explicou a alcaldesa, nestes momentos en Santiago hai 240 mulleres baixo o sistema de protección Vioxen, das máis de 2.500 do conxunto da provincia da Coruña. Goretti Sanmartín apuntou que coñecer e avaliar ben estes datos permiten desenvolver estratexias concretas, e salientou a importancia de actuar “nas idades máis temperás, sensibilizando aos mozos e mozas ao respecto da violencia de xénero e de modos de actuar que non son admisibles nas relacións de parella”.

O Son do Camiño

En canto ao dispositivo especial de seguridade por mor do festival O Son do Camiño, na Xunta Local de Seguridade repasáronse os últimos detalles dun operativo “no que levamos traballando xa semanas, e que xa está moi rodado despois de oito edicións deste evento”, tal e como apuntou Xan Duro.

No dispositivo participan máis de 300 persoas, dos que 250 son efectivos das diferentes unidades das Forzas de Seguridade do Estado. María Rivas destacou a presenza en Santiago de unidades como a UPR e a UIP e de medios aéreos de drons e antidróns por mor do festival.

En relación ao tráfico, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia explicou que se manterán os autobuses lanzadeira de anos anteriores así como o plan de circulación que xa lle foi comunicado á veciñanza, que xa recibiu tamén as tarxetas de paso correspondentes.

Deja un comentario