
O alcalde, José Carlos Vidal, e o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, entregáronlle, esta mañá, o recadado á entidade.
A Pobra converteuse en maio no epicentro do fútbol. Da man do Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base, o municipio recibiu a miles de afeccionados a este deporte. A cita, que se desenvolveu ao longo de dúas xornadas, foi un auténtico éxito en cifras de asistencia. Unha tendencia positiva que repercutiu na recadación do Torneo, cun carácter 100% solidario. Tal e como confirmaron o alcalde, José Carlos Vidal, e o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, o deporte e a solidariedade foron da man, permitindo “conseguir 9.250 euros cos que a Fundación Aladina poderá seguir realizando o seu encomiable labor”.
O rexedor e o edil de Deportes fixeron entrega dos cartos á entidade nun acto no que estiveron presentes o organizador do Torneo e representante de Aladina, Julio Antonio Mariño Neira, o padriño da cita, Rubén López Pérez, e a xefa de relacións de Congalsa, Ana Garrido.
O Torneo congregou a un total de 39 equipos das categorías alevín de toda Galicia e España, contando coa presenza de conxuntos como o Real Madrid, o FC Porto, o Benfica, Sporting de Lisboa e de Braga, etc. Calcúlase que, nos dous días do evento, pasaron polo estadio da Alta unhas 4.000 persoas entre xogadores, familiares e público asistente.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.