Wednesday 18 de June de 2025

Máis de mil estudantes participan na campaña educativa contra as violencias LGTBIfóbicas


O 6 de xuño de 2025 finalizou a campaña educativa “Puntos Arcoíris”, impulsada polo Concello de Oleiros, cunha participación total de 1.001 persoas entre alumnado, profesorado e persoal educativo. Concretamente, participaron 952 estudantes e 49 profesionais nos puntos informativos, así como 387 alumnos e alumnas e 33 docentes nos obradoiros en aula.

Entre o 19 de maio e o 6 de xuño, os Puntos Arcoiris estiveron presentes nos centros de ensino de primaria e secundaria, ofrecendo información, sensibilización, atención e recursos sobre diversidade sexual e de xénero, así como prevención das violencias LGTBIfóbicas. A iniciativa foi desenvolvida por profesionais especializadas en xénero, diversidade e violencias.

Paralelamente, desenvolvéronse obradoiros participativos en 3º e 4º de Primaria e 2º e 4º da ESO, centrados nas narrativas positivas como ferramenta de transformación social. Promoveuse a reflexión colectiva arredor dos discursos de odio e o papel do amor como motor de cambio e defensa dos dereitos sociais. As profesionais destacaron a participación activa do alumnado e o seu interese polos contidos vencellados á diversidade e as narrativas de cambio social. Con esta campaña, o Concello reafirma o seu compromiso cunha educación inclusiva, diversa e libre de violencias.

Deja un comentario