
— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
— A instalación ocupará unha parcela de preto de 47 hectáreas na parroquia de San Xulián de Grixalba e terá capacidade para aloxar 1.262 cabezas de recría de vacún leiteiro de distintas idades
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír un centro de recría de gando vacún leiteiro no concello coruñés de Sobrado dos Monxes supeditado ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.
De feito, o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático considera que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias- e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
O centro de recría localizarase nunha parcela cunha superficie total de preto de 47 hectáreas no lugar de Rañón, na parroquia de San Xulián de Grixalba, no Concello de Sobrado dos Monxes, e contará con dúas naves de cría, tres silos de penso, unha palleira, catro silos de subprodutos, cinco silos de forraxe, unha fosa de xurro, unha esterqueira con separador de fases, un lazareto, tres naves de corentena e un camiño pavimentado.
A instalación, promovida por Ganadería de Rañón, terá capacidade para aloxar un total de 1.262 cabezas de recría de vacún leiteiro de distintas idades, equivalentes a 741 prazas de gando vacún leiteiro adulto.
Agora a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.