
O Concello de Culleredo pretende regalar o maior patrimonio do municipio a unha empresa privada vestida de fundación para eludir as leis que protexen o patrimonio cultural e BIC. Alternativa oponse a unha actuación coa que se pretende case que agasallar a unha Fundación privada con 12.000 m2 de propiedade pública. As naves e a contorna da Cros son patrimonio da veciñanza cullerdense non un posible negocio para unhas empresas.
As naves da Cros son de todos os veciños e veciñas de Culleredo e foron cedidas urbanisticamente a través do Plan Parcial para o desenvolvemento urbano do ámbito da antiga planta de fertilizantes. Os solos cedidos son os que por lei teñen que destinarse a equipamentos públicos para o lecer, o deporte, a cultura, zonas verdes…
O Concello de Culleredo non foi capaz, despois de máis de 40 anos, de buscarlle un destino público ás naves da Cros. Hai que lembrar que no ámbito da urbanización construíronse máis de 1.000 vivendas, sen que poidan gozar os veciños e veciñas do Burgo dos múltiples usos públicos que ofrecen estas naves, no solo máis caro de Culleredo. As empresas xa dispoñen de solo nos parques comerciais e industriais de Culleredo, o que pasa é que neles hai que comprar as parcelas, e na Cros; practicamente llas regalan.
O CETIM (Centro tecnolóxico de Investigación Multisectorial), así se chama a fundación privada que quere facerse co patrimonio dos veciños e veciñas de Culleredo, centra as súas actividades na construción, enerxía, forestal e madeireiras, automoción, metais, revalorización de residuos… e á súa sombra operan varios emporios empresariais como Ence, Finsa, Repsol, Reganosa ou Acciona, entre outras.
Fálase dunha inversión que pasa dos 13 millóns de euros e cuxos fondos proveñen do sector público: Comunidade Europea, Xunta de Galicia, Deputación… todos de acordo en esquilmar o patrimonio público da veciñanza cullerdense.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.