
Os técnicos de Augas de Galicia detectaron a incidencia no marco dos seus labores rutineiros de inspección neste municipio
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un punto de vertido de augas residuais que afectaba ao curso fluvial do rego Callou (na bacía da ría de Ares-Betanzos) na parroquia de Piadela, no concello de Betanzos.
Os aportes contaminantes tiñan orixe na conexión irregular das augas residuais xeradas nunha vivenda particular coa rede municipal de augas pluviais e acababan chegando ao rego no lugar de Viuxe.
As actuacións iniciáronse tras a detección do vertido no eido da campaña de revisión da rede fluvial do municipio, no marco do Programa de Control de Vertidos, e correspondíase cun desaugue da rede de pluviais municipal. Nunha analítica realizada, detectouse a presenza de contaminación de orixe fecal, polo que se requiriu ao Concello de Betanzos un plan de accións para eliminar eses aportes irregulares.
Posteriormente o Goberno municipal remitiu un informe da empresa concesionaria do servizo de saneamento municipal no que se identificaba unha vivenda unifamiliar conectada erroneamente coa rede de pluviais que vertía a través do punto indicado. Augas de Galicia realizou entón diversas inspeccións e comprobacións xunto aos técnicos da empresa concesionaria.
Tras varias visitas nas que non se identificaron irregularidades nin indicios contaminantes na contorna do punto de vertido, os técnicos confirmaron nunha recente inspección a eliminación da conexión de augas residuais con orixe na vivenda, confirmando así a emenda dos aportes contaminantes do punto de vertido.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.