
O día máis musical de Santa Cruz resultou unha brillante celebración dos 25 anos da Escola Municipal de Música grazas aos dous grandes eventos do día: o roteiro musical de pola mañá e a representación de Mamma Mía, a montaxe na que máis de 200 artistas homenaxean a ABBA versioneando este famoso musical internacional.
En distintos lugares do paseo marítimo e o parque Luis Seoane celebráronse os concertos de pequeno formato con conxuntos musicais coordinados por profesores da escola con agrupacións de corda, percusión, coros, música de cámara, canto lírico, música tradicional, saxos, clarinetes, flautas, piano, música moderna e combos, ademais dun específico de música infantil. En total unha mañá tinguida de sons múltiples e diversos nos que predominou a música clásica executada por 110 músicos da EMMO nos distintos concertos programados.
Algúns deles tamén actuaron pola tarde na representación de Mamma Mía, que repetiu o éxito da pasada semana na Lagoa de Mera. Douscentos artistas no escenario, xa que ademais da formación da Escola tamén participou a Escola de Danza e o coro Tremenda Tremolina, todo baixo a dirección xeral de Malu Balado.
Un importante éxito colectivo do que forman parte o conxunto do profesorado das escolas. Na dirección e adaptación musical figura Rodrigo Rodríguez, Nilo García na dirección da orquestra sinfónica, Coco Pereira dirixindo Tremenda Tremolina e Lara Fenoll na Escola Municipal de Danza. Tamén participaron no espectáculo os profesores Marina Gundín, Mónica Pérez, Álex Carral e Jorge Galán.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.