
Onte, domingo 8, rematou o Salimat Abanca ou Salón de Alimentación do Atlántico no que o concello de Ribeira estivo representado todo o fin de semana nunha caseta onde a concellería de Turismo e a de Mar xuntaron forzas para promocionar os diferentes produtos turísticos e a magnífica gastronomía e produto de calidade que atesoura a Ría de Arousa.
Un certame que se enmarca na 47.ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, á que se desprazaron o pasado venres a Silleda, o concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.
Na xornada inaugural, os concelleiros tiveron a oportunidade de apoiar a presentación e degustación da OPP83 –Sociedade Cooperativa Galega do Mar Sta. Eugenia– que contou coa presenza da súa xerente, María José Casais e con Criselda Iglesias coma excelente embaixadora gastronómica do xurelo, a sardiña e Lirio de Ribeira.
O resto da xornada os concelleiros mantiveron diferentes encontros e presentacións cos turoperadores, autoridades e visitantes que se achegaron á caseta do Concello. Suárez-Puerta salientou que a caseta “está tendo moita aceptación, os visitantes preguntan e recollen material promocional, moita xente xa nos vai coñecendo así coma as novas actividades que se están propoñendo tanto dende concellería de Mar coma a de Turismo”.
Por outra banda o concelleiro de Mar, presentou as magníficas festas gastronómicas vinculadas ao mar como poden ser a Festa do Percebe de
Aguiño, A Festa do Polbo de Palmeira ou a Festa da Navalla de Aguiño; da que adiantou que se vai a celebrar o vindeiro 10 de agosto “cun produto de altísima calidade extraído nas praias do Castro e da Catía”.
Aparte das festas gastronómicas incidiuse nunha cita importantísima no calendario de verán para o Concello de Ribeira e para toda a península, como é o XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará do 17 ao 20 de xullo. Durante catro días, nesta localidade do Barbanza concentrarase unha numerosa e variada mostra de embarcacións tradicionais galegas, acompañadas dunha ampla representación das culturas marítimas de diferentes comunidades tanto peninsulares como como doutras áreas xeográficas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.