Monday 09 de June de 2025

O Concello anuncia os vindeiros cursos de autoemprego coincidindo co inicio do módulo sobre vendas


O programa municipal, que comezou en maio, continúa este luns, 9 de xuño, cun curso centrado na comercialización de produtos e servizos

O Concello da Coruña retoma este luns 9 de xuño o programa de formación para o autoemprego cun curso dedicado á comercialización e venda, e que se desenvolverá hoxe no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio e se desenvolverá ata o venres 13, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Trátase da segunda acción dun ciclo formativo que arrancou o pasado mes de maio co curso de elaboración dun plan de empresa, o cal xa finalizou.

A concelleira de Emprego, Diana Cabanas, salientou que “a través desta programación formativa queremos acompañar e apoiar as persoas con iniciativa emprendedora ofrecéndolles ferramentas prácticas para construír proxectos viables e sustentables”. Cabanas destacou tamén a boa acollida do curso inicial e animou a cidadanía a participar nas próximas edicións.

No marco desta iniciativa, impulsada desde o Concello da Coruña a través da área de Emprego e Empresa, están previstos ata outubro varios cursos gratuítos centrados nas necesidades actuais das pemes e dos proxectos de autoemprego:
● Introdución ao márketing dixital para pemes
15 a 18 de setembro · 16:00 a 19:00 h
● Coñece as claves para o financiamento da túa peme
22 a 26 de setembro · 16:00 a 20:00 h
● Plan de empresa – Nivel II
20 a 24 de outubro · 16:00 a 20:00 h

Todas as sesións terán lugar no Centro Accede Papagaio, situado na praza Papagaio s/n, e están orientadas a mellorar a formación de persoas que desexen iniciar un proxecto empresarial ou consolidar o seu negocio.

As inscricións e máis información están dispoñibles nas webs municipais
www.coruna.gal/emprego e www.coruna.gal/papagaio, ou no teléfono 981 189 887.

Este programa forma parte da estratexia municipal para o fomento do emprego e o impulso da actividade económica local. A planificación e posta en marcha destas accións encádranse na política de apoio ao emprendemento desenvolvida durante o actual mandato, no marco do proxecto de cidade promovido polo Goberno de Inés Rey, comprometido coa dinamización económica e a mellora da empregabilidade.

Deja un comentario