Monday 09 de June de 2025

Galicia recibirá en xullo os primeiros 41M€ do total dos fondos de transición da Xunta para financiar as obras do novo CHUAC


– Galicia recibirá para este fin o 100% dos Fondos de Transición Xusta asignados a España, 60 millóns de euros

– Grazas a conseguir estes recursos, a Consellería de Facenda e Administración Pública puido asinar no mes de abril co Banco Europeo de Investimento o segundo e último tramo dun préstamo por importe total de 450 M€ para financiar as obras do novo CHUAC

– Esta infraestrutura sanitaria estratéxica para a Comunidade autónoma galega ampliará a súa capacidade para atender a unha área sanitaria de 564.000 persoas

A Axencia Executiva de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) acaba de firmar esta semana o acordo de subvención para que Galicia reciba no vindeiro mes de xullo os primeiros 41 millóns de euros do total dos Fondos de Transición Xunta asinados a España -60M€-, para financiar as obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Grazas a conseguir estes recursos, a Consellería de Facenda e Administración Pública puido asinar no mes de abril co Banco Europeo de Investimento (BEI) o segundo e último tramo dun préstamo por importe total de 450 M€ para financiar as obras do novo CHUAC.

Este último treito de financiamento estaba vinculado á obtención da subvención do Fondo de Transición Xusta por importe de preto de 60 millóns de euros, que se suma aos recursos propios da Xunta de Galicia.

Cómpre recordar que a Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) comunicou en decembro á Consellería de Facenda e Administración Pública que a solicitude de subvención superara a fase de avaliación, asignando de forma preliminar unha axuda de preto de 60 M€.

A avaliación da proposta destacou a relevancia e o impacto deste proxecto. De feito, Galicia é a única comunidade autónoma que superou esta fase de avaliación e con esta cantidade recibirá o 100% dos fondos asignados a España.

O Novo CHUAC contará con altos estándares médicos, arquitectónicos e de eficiencia enerxética, referencia nacional para varios tratamentos. Esta infraestrutura sanitaria estratéxica para a Comunidade autónoma galega ampliará a súa capacidade para, unha vez operativo, atender a unha área sanitaria de 564.000 persoas, consolidándose como o centro hospitalario de referencia na área sanitaria da Coruña e reforzando o seu papel como centro médico de investigación.
O proxecto implica un aumento da superficie total do hospital, do número de camas e da capacidade das UCI e de cirurxía ambulatoria. Non en van, multiplicarase por tres a superficie actual do hospital.

Deja un comentario