Monday 09 de June de 2025

Ribeira vibra co éxito do concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia


O pasado sábado, Ribeira converteuse no epicentro da música clásica galega cun concerto memorable da Orquestra Sinfónica de Galicia, que fixo as delicias dun auditorio ateigado de público. A actuación, organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña, forma parte da programación cultural do mes de xuño e reafirma a aposta decidida do Concello pola cultura de calidade.

O concerto, celebrado no Auditorio Municipal, contou coa participación de 35 músicos baixo a dirección do prestixioso violinista e director Roberto González-Monjas. O programa estivo integramente dedicado a Mozart, ofrecendo un repertorio brillante e emocional que incluíu o Concerto para violín nº 4 en re maior, o Rondó en do maior e o Concerto para violín nº 5 en la maior. O virtuosismo da interpretación e a calidade sonora da orquestra foron premiadas cunha ovación prolongada do público, que encheu por completo o recinto.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a enorme acollida do evento e lembrou que “este concerto é froito dun compromiso adquirido hai un ano, cando moitos veciños e veciñas quedaran sen entrada na primeira visita da Sinfónica. Hoxe cumprimos esa promesa cunha noite que quedará na memoria cultural da nosa vila”.

Agradeceu a implicación da Deputación da Coruña e puxo en valor “a resposta da cidadanía, que está apoiando con entusiasmo toda a
programación cultural desenvolvida polo Concello. Os cheos absolutos demostran que Ribeira tiña sede de cultura”.

A exitosa celebración do concerto consolida a Ribeira como un referente na oferta cultural da comarca, e anticipa unha programación de verán cargada de propostas para todos os públicos. Desde o Concello reiteran o seu compromiso por seguir achegando espectáculos de primeiro nivel á veciñanza.

Deja un comentario