
— O alumnado de continuidade pode matricularse no próximo curso entre o 9 e o 23 de xuño en convocatoria ordinaria e entre o 27 de xuño e o 7 de xullo en extraordinaria
— O de novo ingreso debe realizar a preinscrición entre o 16 de xuño e o 7 de xullo
— As persoas interesadas poden escoller entre unha oferta de 11 linguas diferentes
A Xunta abre este luns a matrícula das Escolas Oficiais de Idiomas, segundo se recolle na resolución pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nestes centros no curso 2025/26.
No caso do alumnado matriculado no actual curso 2024-25, que resulte apto na convocatoria ordinaria de probas e que desexe continuar estudos no curso 2025-26 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 9 e o 23 de xuño. A convocatoria extraordinaria de matrícula (para o alumnado apto, non apto ou non presentado na convocatoria extraordinaria de probas) irá do 27 de xuño ao 7 de xullo.
O alumnado de novo ingreso deberá realizar unha preinscrición en liña entre o 16 de xuño e o 7 de xullo. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase a través de sorteo nun acto público o día 9 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 10 e o 21 de xullo.
En calquera dos casos, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña. Unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 19 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións de alumnado de novo acceso que non realizase o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.
Once idiomas diferentes
Actualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP conta con 11 escolas oficiais de idiomas. Nelas ofértanse 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.
Para acceder á súa formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir as ensinanzas dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.