Monday 09 de June de 2025

O concello organiza un roteiro para coñecer a historia das antigas telleiras da Laracha


Será guiado por Xabier Maceiras, autor do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño.

O Concello organiza para o sábado 14 de xuño o roteiro As telleiras da Laracha, unha proposta cultural dirixida a todos os públicos e que ten por finalidade que os asistentes coñezan de preto a historia e o patrimonio local vinculado ás antigas telleiras que existiron no termo municipal.

A xornada comezará ás 9:30 horas, coa saída en autobús desde a Praza Les Sables d’Olonne da Laracha. O itinerario inclúe visitas aos principais puntos vencellados á fabricación artesanal de tellas e á obtención da materia prima. A primeira parada será no Cancelo, na parroquia de Cabovilaño. Seguidamente visitarase o entorno da factoría de Cerámica Campo no parque empresarial. A continuación pasarase por Estramil e A Barreira antes de facer unha parada no campo da feira de Paiosaco, un dos lugares que foron referentes na comercialización das tellas. Tras visitar a zona das Rañeiras, concluirase na Laracha, en dúas rúas ás que dan nome dous empresarios do sector como foron Epifanio Campo e José Manuel Ferreira Penedo.

O percorrido estará guiado polo escritor, documentalista e divulgador Xabier Maceiras, autor do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, que ofrecerá en cada punto explicacións sobre os espazos nos que existiron as telleiras, as persoas vinculadas a elas e o contexto histórico e social deste importante sector tradicional da Laracha.

A inscrición é gratuíta e teñen preferencia os empadroados no concello da Laracha ao ser as prazas limitadas. As persoas interesadas poden anotarse cubrindo o formulario en liña, de forma presencial no Concello ou chamando ao teléfono 981605001 a partir do luns ás 9:00 horas.
O Concello anima á veciñanza a participar nesta actividade que conxuga patrimonio, memoria histórica e identidade local, nun percorrido único pola pegada das antigas telleiras no territorio larachés.

Deja un comentario