Friday 22 de November de 2024

A Concellería de Cultura edita un catálogo cos debuxos premiados no concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”


O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de Cultura, Amalia García, presidiron este mediodía a entrega de premios do I Concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”. O acto, celebrado no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, serviu tamén para presentar o catálogo do certame, publicación que recolle os debuxos premiados e que foi elaborada polos usuarios/as do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene.

Coincidindo coa entrega de premios, quedou inaugurada tamén a exposición cos debuxos orixinais que se presentaron ao certame. A mostra, instalada no corredor de acceso á Biblioteca Municipal de Fene (1º andar da Casa da Cultura) poderá visitarse ata mediados do mes de maio.

PREMIADOS

A alumna da escola de pintura de Dulce Anca, Lucía Pereira Bellas recibiu o primeiro premio na categoría de Educación Infantil, por un traballo presentado co título de “Roubo no Museo”. O premio consistiu nun vale por importe de 50 € en libros e diploma.

Na categoría de 1º, 2º e 3º de Primaria, a gañadora foi Noa Ferreiro Bellas, alumna do Ceip A Fraga de As Pontes, por un traballo presentado co título “Mortadelo e Filemón no Museo do Humor”. O premio consistiu nun vale por importe de 50 € en libros e diploma.

Jaime Ameneiros Fernández, alumno do Ceip Centieiras de Fene, foi o gañador na categoría de 4º, 5º e 6º de Primaria, por un traballo presentado co título “Exposición Ibáñez”. O premio consistiu nun Ipod Shuffle e diploma.

Na categoría ESO, o gañador foi Daniel Lago Luaces, alumno do CPI A Xunqueira, por un traballo presentado co título “Casa da espionaxe”. O premio consistiu nun lector de libro electrónico Kindle Paperwhite e diploma.

E na categoría de ADULTOS, o gañador foi Xavier Picos Rodríguez, do Centro Ocupacional Aspaneps de Fene, por un traballo titulado “Mortadelo e Filemón. Un día en Aspaneps!”. O premio consistiu nunha tableta BQ Aquaris M-10 e diploma.

Tamén se entregaron senllos diplomas, polos ACCESITS conseguidos na categoría de 4º, 5º e 6º de Primaria, a Irene Beatriz Díaz García, alumna do CEIP Centieiras de Fene, por un traballo titulado “Mortadelo e Filemón, luces, cámara e acción” e á Aula de 6º de Primaria do Ceip Maciñeira de Neda, por un traballo (colectivo) titulado “Na procura do profesor Bacterio”.

O concurso “Mortadelo e Filemón en Fenicia”, convocado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene, artellouse como actividade complementaria á exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor” que se amosou no Museo do Humor de Fene a comezos deste ano. O certame propoñía aos participantes a realización dunha composición plástica (debuxo, fotografía ou collage), situando a Mortadelo e Filemón nalgún escenario recoñecible do Concello de Fene.