
Na proba participaron representantes de 24 países dos cinco continentes, entre eles os actuais campións olímpicos
A Coruña acolleu esta tarde de sábado a edición número 38 do Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns – Trofeo Sergio Vázquez, a proba máis importante do mundo desta disciplina, que este ano contou coa participación de representantes de 24 países dos cinco continentes, ademais dos actuais campións olímpicos.
Toshikazu Yamanishi (01:18:15) e María Pérez (01:27:22) foron os gañadores da gran proba de 20 quilómetros nas categorías masculina e feminina. Yamanishi, de nacionalidade xaponesa, estivo acompañado no podio polo seu compatriota Matasora Kawano e polo mexicano Ricardo Ortiz, mentres que a María Pérez seguírona na clasificación xeral a mexicana Alegna González e a chinesa Li Peng, como segunda e terceira clasificada.
Por outra banda, na proba de 10 quilómetros os gañadores foron o chinés Congshan Bi e a colombiana Ruby Dayana Segura García, nas categorías masculina e feminina, respectivamente.
O Gran Premio Cantones, forma parte da World Walking Tour 2025 que se celebra a nivel mundial polas principais cidades do mundo en 23 probas. En función da categoría, existen varios niveles no que o máximo é a categoría ouro da que forma parte a proba coruñesa desde os seus inicios. Xunto A Coruña están nesa máxima categoría as cidades de Taicang (China), Dudince (Eslovaquia), Río Maior (Portugal) Varsovia (Polonia), Podebrady (República Checa) e Madrid.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de trofeos posterior á competición. “Desde o Goberno de Inés Rey mantemos a nosa aposta polos grandes eventos deportivos, como este Gran Premio de Marcha, referente absoluto que este ano volveu a gañar o distintivo de mellor proba do mundo”, sinalou.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.