
A Coruña foi o primeiro municipio galego en sumarse a esta iniciativa de carácter global, que visibiliza ás persoas que perderon a vida nos campos de exterminio nazis nos anos da II Guerra Mundial
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe nos actos de homenaxe aos irmáns Enrique e Francisco Tallón Charlón, coruñeses exiliados nos anos da Guerra Civil e que foron vítima da represión nos campos de concentración nazis durante a II Guerra Mundial.
Esta mañá, nunha xornada organizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) coa colaboración do Concello, levouse a cabo un percorrido simbólico desde a praza de María Pita ata o antigo fogar dos Tallón Charlón, no nº. 14 da rúa da Franxa. Diante do inmoble, ambos os irmáns contan xa coas súas particulares stolpersteine, —en alemán, ‘pedra que pode facer tropezar’—, lastras de bronce ideadas para plasmar, nas beirarrúas, a biografía e memorias das vítimas do nazismo.
Enrique e Francisco, nados nos anos 1912 e 1916 respectivamente, viviron o horror de campos de exterminio como Mauthausen. O primeiro deles morreu en decembro de 1941, tras o seu traslado ao de Gusen. Francisco, que conseguiu sobrevivir, faleceu a inicios dos oitenta na localidade austríaca de Linz.
Castro recalcou hoxe o compromiso do Goberno de Inés Rey coa recuperación da memoria dos coruñeses que padeceron aquela barbarie. “Desde hai case dous anos, vimos traballando coa ARMH para lembrar aos veciños da nosa cidade que perderon a vida naqueles anos de totalitarismo. E así o seguiremos facendo”, apuntou Castro, que lembrou que A Coruña foi o primeiro municipio galego en sumarse a esta iniciativa de carácter global, que chegou xa a máis de 25 países desde a súa posta en marcha.
No acto desta mañá tamén participaron a voceira da ARMH en Galicia, Carmen García Rodeja, o investigador David Lozano e a activista Silvia Dinhof-Cueto —filla de deportados e amiga da familia Tallón Charlón—, acompañados por Maruxa Boquete na lectura de poemas programada no contexto da homenaxe aos irmáns, que tamén contou coa música da gaiteira Erea Estévez.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.