Monday 09 de June de 2025

Fabiola García felicita á residencia pública Torrente Ballester ao recibir o certificado de AENOR que acredita a calidade da súa atención e servizos


 Sinala que o mérito desta acreditación recae, principalmente, no persoal do centro que cada día está ao carón das persoas maiores

 Lembra que a Xunta vai investir 5,5M€ na remodelación a residencia e que as obras, que foron adxudicadas en maio, comezarán en breve, unha vez que se reciba a licencia municipal

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou hoxe os seus parabéns á residencia de maiores pública autonómica Torrente Ballester da Coruña, por recibir o certificado de Aenor que garante a calidade dos seus servizos conforme a requisitos e estándares internacionais. Na súa visita, a conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, fixo entrega deste distintivo ao director da residencia, Constantino Piñeiro.

Fabiola García puxo en valor que esta acreditación reflicte o compromiso de mellora continua por parte do equipo de profesionais que se ocupa da atención residencial, persoal, psicosocial e sociosanitaria dos usuarios. A conselleira sinalou, ademais, que o mérito desta distinción recae, principalmente, no persoal do centro que cada día está ao carón das persoas maiores.

O certificado de Aenor únese ao recoñecemento recibido en xaneiro como centro libre de suxeicións, o que converteu ao centro Torrente Ballester na primeira residencia de maiores de Galicia en obter este certificado por parte da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma).

Na súa visita, a conselleira tamén lembrou que a Xunta vai investir 5,5M€ na remodelación desta residencia. Unhas obras que foron adxudicadas o pasado mes de maio e que comezarán en breve, unha vez que se reciba a licencia municipal. Esta actuación, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, mellorará os espazos, a distribución e a funcionalidade do centro.

Remodelación interior e exterior
A intervención programada centrarase tanto no interior como no exterior do edificio e permitirá continuar coa súa adaptación ao novo modelo de coidados residenciais que a Xunta está a implantar en todos os seus centros residenciais. Así, entre outras actuacións, no interior do inmoble procederase á renovación completa das habitacións e baños para facelos máis accesibles, incluíndo a ampliación dos corredores.

Ademais, reformarase a zona de cafetería e adaptarase a zona da biblioteca para usos de salón de peiteado, sala de espera e despacho da traballadora social. Tamén se mellorarán as salas de estar, crearanse novas salas de convivencia en todas as plantas da residencia e mellorarase o salón de actos, dotándoo dun novo escenario. Así mesmo, reformarase a zona de enfermería, onde se habilitará unha sala para os residentes que necesiten de coidados máis intensos.

No que atinxe ás obras no exterior, estas afectarán á envolvente do inmoble, ás carpinterías e á zona de acceso ao ascensor. Ademais, executarase unha nova fachada na parte que dá aos patios.

A reforma proxectada presta especial atención ao aproveitamento dos espazos de fóra que pertencen á residencia para o seu use e desfrute por parte dos usuarios. Con este obxectivo, acondicionaranse os patios como zonas de descanso e lecer, crearase unha terraza axardinada e un xardín terapéutico.

Deja un comentario