
O barrio acolleu tamén un encontro do Grupo Local do proxecto europeo URBACT COPE, que promove a participación da veciñanza no desenvolvemento das políticas ambientais locais
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou este sábado pola mañá nas actividades organizadas polo Concello no barrio da Sagrada Familia con motivo do Día do Medio Ambiente.
Desde as 11.00 horas, a praza de San Rosendo e a pista polideportiva acolleron un mercado veciñal de economía circular, así como actividades educativas e de sensibilización medioambiental para todas as idades.
A xornada arrincou coa apertura do mercado veciñal na praza de San Rosendo, unha oportunidade para que a veciñanza e os visitantes do barrio fomentasen o consumo responsable, a recuperación e a reciclaxe vendendo e intercambiando roupa, libros, accesorios, e outros enseres en bo estado. “A mellor forma de que a cidadanía se conciencie da necesidade de reducir os residuos é xerar os menos posibles e un consumo responsable. A recuperación de todo tipo de aveños e roupa é clave para iso”, sinalou Neira. “As cousas que xa non nos serven poden ser idóneas para outras persoas, con iniciativas como esta alongamos a súa vida útil e evitamos que a súa eliminación acabe sendo un problema”, agregou.
Ao tempo, na pista polideportiva programáronse actividades lúdicas de sensibilización ambiental para todas as idades, como xogos de preguntas e respostas, fabricación de ‘bombas’ de sementes e cociñas solares. O barrio encheuse de contedores decorados con plantas, paneis informativos e soportes acuñados con lugares emblemáticos da cidade con mensaxes ambientais.
O valo do polideportivo converteuse nun mar para concienciar sobre a redución do uso de plásticos, lema da campaña deste ano do Día do Medio Ambiente.
Ademáis, a xornada completouse cun encontro do Grupo Local do proxecto Urbact COPE, un programa europeo no que o barrio coruñés desenvolve, xunto a distritos doutras sete cidades europeas, unha experiencia de participación cidadá no desenvolvemento das políticas verdes a través dun enfoque local.
A concelleira pechou o encontro agradecendo ás entidades que forman parte do grupo “o seu compromiso e traballo co obxectivo común de convertir á Sagrada Familia nun barrio cada vez mellor, máis sostible e máis solidario”.
Desde 2023, a asociación de veciños, entidades do barrio e o Concello traballan para deseñar un Plan de Acción Integral asociado ao proxecto Urbact COPE, co obxectivo de avanzar na transformación dun distrito que xa está a vivir pasos clave como a humanización da rúa Sagrada Familia, xa iniciada este ano, e coa que o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao plan de ampliación da Rolda Peonil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.