Monday 09 de June de 2025

Inés Rey leva a Niza o modelo de Coruña Marítima ante líderes de máis de 30 cidades do mundo


A alcaldesa participou no cume internacional sobre resiliencia costeira, organizado pola ONU en colaboración cos gobernos de Francia e Costa Rica

Presentou o proxecto Coruña Marítima como exemplo de transformación sostible, identidade local e gobernanza colaborativa

Asinou como alcaldesa da Coruña e presidenta de Atlantic Cities o Pacto dos Océanos e a declaración para a constitución da coalición global de cidades frente ao cambio climático

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este sábado 7 de xuño no foro global ‘Ocean Rise & Coastal Resilience Summit’, un evento organizado polas Nacións Unidas e celebrado na cidade francesa de Niza, en colaboración cos gobernos de Francia e Costa Rica, no marco da Conferencia sobre os Océanos (UNOC3). Rey interveu no panel internacional ‘Ports, Cities and Regions: United for Coastal Resilience’, xunto con responsables doutros portos e cidades costeiras de referencia a nivel mundial como o concelleiro de Durban, Thabani Nyawose; o xefe de sustentabilidade do Porto de San Diego, Jason Giffen; o alcalde de Cotonou, Luc Atrokpo; e o alcalde de Mamoudzou, Ambdilwahedou Soumailia e o senador del estado de Rhode Island de Estados Unidos, Sheldon Withehouse.

Durante a súa intervención, Rey presentou o proxecto Coruña Marítima como un modelo pioneiro de transformación do bordo litoral “sostible, resiliente e con identidade propia”. Explicou que esta iniciativa nace dunha colaboración institucional “sen precedentes”, coa implicación de todas as administracións competentes, co obxectivo de garantir a titularidade pública dos terreos e avanzar cara a un novo modelo urbano.

A alcaldesa sinalou a resiliencia climática como un dos piares fundamentais da proposta, xunto coa participación cidadá, logo dun proceso no que se recolleron máis de 700 achegas, incorporadas na súa maior parte ás bases estratéxicas do proxecto.

A Coruña foi a única cidade española convidada a intervir neste foro global que reuniu a líderes de máis de 30 cidades, rexións costeiras e estados insulares de todo o mundo: “Estar aquí representa un recoñecemento ao traballo que estamos facendo para construírmos unha cidade máis preparada fronte ao cambio climático e máis conectada co seu mar”, declarou a rexedora. Inés Rey concluíu lembrando a importancia da gobernanza compartida, o valor dunha participación cidadá real e a compatibilidade entre resiliencia climática e identidade local. “Esta experiencia pode servir de inspiración para moitas outras cidades costeiras que buscan construír un futuro máis sostible sen renunciar ao que son”, afirmou.

No marco da conferencia, a alcaldesa asinou o Pacto dos Océanos e a unha declaración para a conformación dunha coalición global de cidades fronte ao cambio climático, o incremento do nivel do mar e a adaptación costeira.

Encontro de alcaldesas

Inés Rey tivo tamén a oportunidade de saudar á alcaldesa de Nueva Orleans (Estados Unidos), Latoya Cantrell, e de manter un encontro de traballo coa alcaldesa de Valparaíso (Chile), Camila Nieto, co obxectivo de explorar un marco de cooperación entre as cidades en áreas clave como a sostenibilidade, o desenvolvemento urbano e a gobernanza porto-cidade.

Ocean Rise & Coastal Resilience Summit

O cume ‘Ocean Rise & Coastal Resilience Summit’ contou coa participación de líderes institucionais de gran relevancia internacional, o que reforzou o carácter político e estratéxico do encontro. Entre eles, destacaron o ex secretario de Estado de Estados Unidos, John Kerry, a alcaldesa de Nova Orleans, LaToya Cantrell; a vicealcaldesa de Santa Cruz, California, Shebreh Kalantari-Johnson; o tenente de alcalde de Venecia, Massimiliano De Martin; a alcaldesa de Valparaíso, Camila Nieto e o alcalde de Salvador de Bahía, Bruno Reis, xunto co anfitrión da cita, o alcalde de Niza, Christian Estrosi.

Tamén participaron representantes de gobernos nacionais, como o primeiro ministro de Tuvalu, Feleti P. Teo; o ministro de Medio Ambiente e Enerxía de Costa Rica, Franz Tattenbach Capra; e a ministra francesa de Transición Ecolóxica, Agnès Pannier-Runacher.

Deja un comentario