
O recentemente proclamado secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago, Aitor Bouza, quixo trasladar o seu agradecemento á militancia socialista tras ser elixido para revalidar a Secretaría Xeral da agrupación local.
“Grazas de corazón por volver confiar neste proxecto colectivo. Esta non é unha responsabilidade individual, senón compartida por todas e todos os que queremos un Partido vivo, útil e preparado para recuperar a Alcaldía de Santiago”, sinalou Bouza, destacando o proceso de renovación interna vivido nos últimos meses.
A nova Comisión Executiva Municipal e as listas aprobadas foron deseñadas, segundo o líder socialista, como “un reflexo real da nosa agrupación, combinando traxectorias, sensibilidades e perfís complementarios”. A executiva incorpora persoas con ampla experiencia en organización, políticas sociais, xuventude, comunicación ou acción institucional, así como novas voces procedentes da base militante.
“Esta é unha executiva que integra xeracións, que suma experiencia e futuro, e que nace co único obxectivo de poñerse ao servizo da militancia e da veciñanza”, afirmou Bouza. “Contamos con compañeiros e compañeiras veteranas, que levan anos defendendo os valores socialistas nesta cidade, e tamén con moita xente nova con ideas, forza e compromiso”.
Bouza reiterou que o novo tempo do PSdeG en Santiago estará marcado pola unidade, a escoita activa e a mobilización. “Queremos seguir abrindo o Partido á sociedade, barrio a barrio, parroquia a parroquia. Somos unha alternativa seria, crible e de futuro ao goberno municipal actual. Compostela merece máis, e estamos preparados”.
O secretario xeral finalizou facendo un chamamento á militancia para continuar traballando con ilusión e responsabilidade: “Temos a forza, o equipo e o proxecto. Agora toca construír xuntas e xuntos o futuro que Santiago necesita”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.