Monday 09 de June de 2025

Arrinca a instalación dos equipamentos da nova área de ocio infantil no núcleo da Silva, onde tamén se renovará o firme da Benela a partir da semana que vén


Sumando ambas as actuacións, o Concello inviste máis de 460.000 euros na zona, co obxectivo de dar resposta a dúas das principais demandas da veciñanza da contorna

O Concello continúa cos traballos de construción da nova área de ocio infantil que se habilitará detrás do centro cívico da Silva, un equipamento que contará cun espazo específico para as crianzas e, ademais, unha pista multideporte.
“Esta mesma semana recibíronse as subministracións da área de xogos infantís, que xa estamos a instalar ao longo destes días”, explicou Noemí Díaz. En todo caso, tal e como lembrou a concelleira, “isto non suporá a apertura da área de xogo, xa que os traballos continúan na contorna deste espazo e, ademais, é preciso efectuar as habituais probas de seguridade nestes casos”.

Díaz recalcou que, unha vez a área de ocio infantil estea habilitada para o seu uso e goce, o Concello informará con antelación ao respecto.

A renovación do firme na Benela arrincará a semana que vén

En paralelo a construción da área de ocio infantil, o Concello arrincará a semana que vén cos traballos de renovación do firme no núcleo poboacional da Silva, onde se actuará na calzada da rúa Benela —principal punto de acceso á Silva—, e tamén no treito que conecta A Silva de Arriba co lugar de Cances.

Con esta intervención, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha das principais solicitudes da veciñanza do núcleo, mellorando a seguridade viaria e, de paso, adaptando a plataforma da calzada para evitar que as escorrentías discorran polas fachadas das vivendas.

Ademais, tal e como se informou en xaneiro, cando saíron a concurso as obras, está previsto aproveitar os traballos para adaptar as marxes e beirarrúas do núcleo, “unha medida moi necesaria para facer máis accesibles algúns treitos onde o paso das persoas viandantes e dos vehículos está máis condicionado, ben pola configuración urbana da zona ou pola existencia de barreiras arquitectónicas”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Coas melloras previstas no firme da Benela e coa construción da área de ocio infantil, o Concello destina máis de 460.000 euros ao núcleo poboacional da Silva.

Deja un comentario