Contouse con representantes municipais, da Consellería de Emprego e de empresas de referencia na Laracha.
Preto dun centenar de persoas asistiron hoxe ao Foro de Emprego que organizou o Concello co propósito de axudar tanto ás empresas a atopar talento local como aos particulares a mellorar a súa empregabilidade, ampliar coñecementos e establecer contactos que poden ser chave para a súa inserción no mercado laboral.
A apertura da xornada foi a cargo do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e de Juan José Couce Prego, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Un dos contidos destacados foi a presentación do novo portal municipal de emprego. A orientadora laboral Mónica Iglesias e o director de A Meiga Marketing Web S.L. explicaron os contidos e funcionalidade da nova versión da ferramenta coa que o Concello pretende favorecer a conexión entre a oferta e a demanda no mercado laboral, facilitando o fluxo de información entre as persoas que buscan emprego e as empresas xeradoras de postos de traballo que procuran perfís profesionais concretos.
A continuación celebrouse un coloquio sobre a xestión da selección do persoal nas empresas na que participaron representantes de firmas relevantes que operan no termo municipal da Laracha. Interviñeron Fany López -técnico de talento de Vegalsa-Eroski-, Cristina Villaverde -integradora social de Coleo Recycling- e Abraham Vieito -xerente de Unifersa-.
Trala pausa para o café, o acto pechouse con dúas ponencias sobre a intelixencia artificial na busca de emprego a cargo de Ana Adán -facilitadora, docente e mentora de persoas, empresas e emprendemento-, e sobre o emprendemento, neste caso con Dani Diéguez – human-centered innovation-.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.