
Izaskun García, portavoz popular: “É escandaloso perder unha axuda fundamental por puro deixamento e incompetencia política”
O Partido Popular de Culleredo denuncia que o municipio volveu a perder outra importantísima subvención, esta vez superior aos 50.000 euros e destinada ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Burgo, por non remitir a conta xeral de 2023 ao Consello de Contas dentro do prazo legal establecido, fixado para o 15 de outubro de 2024.
As contas municipais levaron a pleno o pasado mes de abril, cun atraso de máis de 6 meses. Como consecuencia, Culleredo, tal e como reflicte o DOG do 30 de maio, quedou excluído agora da liña de axudas da Xunta de Galicia para servizos municipais de igualdade e atención a vítimas de violencia machista. “Estamos #ante un novo exemplo do caos organizativo que reina neste Concello. Rioboo non só chega tarde, senón que nos fai perder unha axuda vital para as mulleres que máis o necesitan por puro deixamento político. É escandaloso”, asegura a portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García.
Trátase da segunda subvención relevante que perde Culleredo pola mesma causa. En abril pasado, o DOG publicaba que Culleredo era un dos dous únicos municipios de toda Galicia que quedaba fóra das axudas da Xunta destinadas á adquisición de novidades
editoriais en galego e á mellora das coleccións de bibliotecas municipais. Más de 6.000 euros se esfumaron tamén por non presentar a tempo as contas do 2023. “Xa non serven as escusas peregrinas que deu o alcalde cando o denunciamos por primeira vez.
Entón acusounos de facer política cun trámite administrativo e escusouse na falta de interventor con praza en propiedade e de persoal na área de economía. Coma se esa realidade non fose froito dos seus máis de sete anos de desgoberno e abandono absoluto da xestión municipal”, critica García.
O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Culleredo ofrece atención psicolóxica, asesoramento xurídico e acompañamento a mulleres vítimas de violencia de xénero, así como programas de igualdade fundamentais para o municipio. Para o PP, o seu financiamento e bo funcionamento non poden depender da improvisación nin do incumprimento sistemático dos prazos legais. “Estamos a falar dunha axuda directa para un servizo esencial, que traballa con mulleres en situacións de enorme vulnerabilidade. Non é un tema menor. É intolerable perder 50.000 euros por pura incompetencia”, insiste a portavoz popular.
O PP alerta ademais de que o Concello aínda non aprobou os orzamentos municipais para 2025, agravando o bloqueo institucional e dificultando aínda máis a planificación e execución de políticas públicas. “Con Rioboo á fronte, Culleredo é sinónimo de parálise. Un concello sen contas, sen orzamentos e agora tamén sen axudas. Necesitamos urxentemente un goberno que traballe, cumpra coas súas obrigacións e estea á altura”, conclúe Izaskun García.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.