Sunday 08 de June de 2025

Renovación dos vestuarios do Campo de Fútbol Municipal de Oleiros


O Concello de Ribeira acaba de adxudicar a renovación dos vestiarios do Campo de Fútbol de Oleiros, unha actuación que busca mellorar as condicións actuais deste espazo deportivo, cuxas instalacións están nun estado de conservación moi deficiente tras moitos anos sen actuar neles. O proxecto contempla a construción de dous novos vestiarios na zona sur da parcela, xunto ao muro de peche, que garantirán condicións axeitadas de seguridade, salubridade e funcionalidade para os seus usuarios.

As obras incluirán a execución dunha estrutura metálica de cuberta composta por pórticos de perfís laminados tubulares ancorados a cimentacións de formigón armado, con correas metálicas ás que se fixará o panel de cuberta. Dende esta estrutura suspenderanse tamén o falso teito e os acumuladores de auga quente sanitaria. Os peches exteriores realizaranse con bloque “split” visto, con trasdosado interior de xeso laminado e illamento de la mineral, mentres que as particións interiores se farán con ladrillo oco dobre. As carpinterías exteriores serán de aluminio lacado, con rotura de ponte térmica e vidro dobre illante de seguridade.

No interior, os vestiarios contarán con revestimentos cerámicos de gres porcelánico de gran formato en paredes e pavimento símil madeira en todo o espazo. O falso teito será desmontable, con acabado vinílico e illamento de paneis de la mineral. A intervención contempla tamén a instalación completa das redes de evacuación de augas, abastecemento de auga potable, instalación eléctrica de baixa tensión e iluminación, así como a conexión coas acometidas existentes na cantina do recinto.

Para a produción de auga quente sanitaria instalaranse dous paneis solares na cuberta, que será de tipo sándwich con aceiro prelacado HDX nunha cor aínda por definir, cubrindo tamén a zona de acceso ao campo.

Todos os residuos xerados durante os traballos serán xestionados e transportados a unha entulleira autorizada, e establécese unha partida específica no orzamento para medidas de seguridade e saúde.

Este proxecto cumpre coas normativas vixentes en materia de seguridade estrutural, prevención de incendios, hixiene, saúde, protección ambiental, illamento térmico e acústico, aforro enerxético, accesibilidade e limitacións de uso. A obra foi adxudicada á empresa Zona de Obra o Rosal, S.L., cun investimento de 146.568 euros financiado a través do Plan POS+ 2023 da Deputación da Coruña, e contará cun prazo de execución de seis meses. 470.000 euros investidos en Oleiros

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, destacou que “esta actuación era moi necesaria para dignificar unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza, especialmente pola mocidade, e garantir que conten coas condicións que merecen.”

Engadiu tamén que “seguimos apostando pola mellora continua das infraestruturas deportivas e polos investimentos nas parroquias, como elemento clave para o benestar e a cohesión social. Pérez Barral referiuse aos 470.000€ executados ou previstos que incluíron a pavimentación dos Muíños, o saneamento e accesibilidade na Gándara, xunto os proxectos previstos como a pavimentación dun ramal nos Muíños ou a instalación de novas luces led no campo de fútbol.

Deja un comentario