Sinala que Galicia foi a segunda Comunidade Autónoma onde máis creceron os salarios das mulleres e que, tal e como reflicte a EPA, 13.400 mulleres atoparon traballo neste último ano
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse hoxe no Parlamento a destinar todos os esforzos para acadar a igualdade “efectiva e real” entre homes e mulleres. Así, lembrou que o VI Plan galego de igualdade, aprobado polo Goberno galego é o único que ten unha memoria económica que conta cun orzamento de 220 millóns de euros, e avanzou que este ano se presentará o VII Plan galego de igualdade ata o ano 2020, que seguirá afondando neste eido.
Lonxe de amosarse satisfeito, Feijóo sinalou que Galicia foi a segunda Comunidade Autónoma onde máis subiron os salarios das mulleres e, que tal e como reflicte a EPA, 13.400 mulleres atoparon traballo neste último ano.
Ademais, durante a súa intervención, o titular da Xunta precisou que a nosa Comunidade é a única que destina axudas económicas periódicas ás vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, indicou que o Goberno galego leva investidos preto de 20 millóns de euros que serviron para atender algo máis de 2.500 mulleres, ademais de apoiar os 80 Centros de Información á Muller.
Sobre este punto, mencionou tamén a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a apertura do primeiro Centro de Recuperación Integral para tratar as mulleres vítimas desta lacra. Do mesmo xeito, sinalou que o Goberno galego traballa no Plan de dinamización das mesas locais contra a violencia de xénero en coordinación con todos os concellos.
O mandatario galego apuntou, tamén, varios datos relativos ao emprego feminino. “No ano 2002 —indicou— só o 42% das mulleres formaban parte da poboación activa; hoxe, o 47,7% están integradas na poboación activa, 5,7 puntos máis”. Ademais, fixo referencia a que mentres que a poboación ocupada feminina no ano 2002 era do 40%, hoxe é do 47%, e a que mentres que a poboación parada se situaba no 61% a comezos do 2000 hoxe sitúase no 50%”, engadiu.
No tocante á conciliación laboral, o titular da Xunta garantiu a posta en funcionamento de 14 escolas infantís máis no vindeiro curso, e lembrou que se están cumprindo os ratios esixidos pola Unión Europa. “Desde o ano 2009 practicamente duplicáronse as prazas de escolas infantís, pasando de 13.000 a 20.500, o que supón un 60% máis”, precisou ao respecto.
Economía en crecemento
Doutra banda, Feijóo referiuse ao bo comportamento da economía galega, que amosa un crecemento que “aínda que nos gustaría que fose maior”, dixo, “é o máis grande desde o ano 2008”.
Destacou, así, que no sector da pesca “hoxe estamos pescando máis e estamos ingresando máis”, tanto na baixura como no cerco. No lácteo, indicou que “hoxe preséntanse empresas que queren investir no sector e propoñen ofertas de 150 millóns de euros para investir na transformación do leite”. No sector da automoción, apuntou que a planta de PSA en Vigo ten agora posibilidades de facer 2 millóns de vehículos novos e de seguir traballando e creando riqueza. E no naval, salientou que se antes as gradas do naval estaban baleiras, agora hai 1.800 millóns en pedidos. Todo, engadiu, xunto ao maior parque aeronáutico que se está a construír en España en Rozas.
Unha anulación correcta, procedente e lóxica
Durante a súa intervención, o presidente tamén se referiu ao concurso eólico aprobado polo bipartito cuxa anulación, dixo, “foi correcta, procedente e lóxica”, e estaba avalada por 20 sentenzas dos tribunais, incluída unha do Tribunal Supremo. En contraposición, asegurou que o concurso eólico actual non está anulado porque conta con 17 sentenzas a favor.
Segundo indicou, a Xunta leva autorizado un 60% máis de megavatios (759 MW) que o bipartito, con 137 millóns de euros recadados do canon eólico. “Agora non hai primas, non gastamos diñeiro en subvencionar as enerxías das empresas eléctricas”, afirmou. E o balance, apuntou, deixa ata o de agora máis de 1.000 millóns de euros investidos xa nos plans industriais asociados e máis de 2.000 empregos creados ao seu abeiro.
Nesta liña, adiantou que o Consello da Xunta de mañá vai aprobar dous novos parques eólicos na Baña, e na Pastoriza e Mondoñedo, o que significa 36 MW máis e un investimento 50 millóns de euros.