Saturday 07 de June de 2025

Aitor Bouza: “Iniciamos unha nova etapa cun Partido Socialista unido, forte e preparado para recuperar a Alcaldía de Santiago”


Aitor Bouza: “O único pacto do PSdeG de Santiago é coa veciñanza de Compostela”

“Pedímoslle á veciñanza que non se resigne. O Partido Socialista está preparado para recuperar Compostela e poñela de novo á vangarda. Temos a ilusión, a responsabilidade e o equipo para conseguilo”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago, Aitor Bouza, compareceu este xoves ante os medios de comunicación para valorar o peche do proceso de presentación de candidaturas á Comisión Executiva Municipal e anunciar o inicio dunha nova etapa no partido.

Mañá celebrarase a asemblea xeral que proclamará oficialmente a nova Comisión Executiva Municipal. Bouza avanzou que haberá “pequenos cambios” na súa composición para incorporar perfís con experiencia e coñecemento en diversas áreas.
“A lista que encabezo non é só a miña lista. Representa ao conxunto da militancia, a todas as sensibilidades, e nace co obxectivo de presentar un proxecto crible, ambicioso e de futuro para Compostela”, afirmou.

O dirixente socialista fixo balance do traballo desenvolvido nos últimos dezaoito meses ao fronte do partido, destacando a “reconstrución orgánica e a apertura da agrupación local” como pasos fundamentais para “volver confiar en nós mesmos antes de pedirlle á cidadanía que o faga”.
“Agora temos un partido máis forte, máis cohesionado e máis participativo. Volvemos ser un espazo de encontro para toda a militancia e queremos selo tamén para toda a veciñanza”, indicou.

Unidade, participación e proxecto de futuro

O líder socialista destacou o peche dunha etapa de reconstrución interna e apostou por abrir agora un tempo novo, “centrado na escoita activa, o diálogo coa veciñanza e a construción dun proxecto crible e ambicioso que saque a Compostela do letargo”.
“Hai ano e medio puxémonos a traballar para unir o partido, abrir a sede, activar á militancia e recuperar a autoestima como organización.

Hoxe o Partido Socialista está máis forte, máis cohesionado e máis preparado que nunca”, sinalou.

Bouza fixo fincapé na necesidade de liderar unha alternativa real ao goberno municipal actual, ao que acusou de “vender fume” e de non dar resposta aos problemas reais da cidade, como a vivenda ou a saturación dos servizos públicos.

Unha executiva ampla e representativa

A nova executiva municipal, que será dada a coñecer este sábado, incorpora perfís diversos e preparados, representativos das distintas sensibilidades da agrupación.
“É unha mostra de unidade porque o partido está por riba de todas as persoas incluído desta Comisión Executiva, das que viñeron e das que virán” asegurou Bouza, quen confirmou que “a maioría do actual equipo continuará co seu traballo, ao que se sumarán novas incorporacións para reforzar áreas estratéxicas”.

Bouza anunciou tamén unha ofensiva de escoita activa en todos os barrios, parroquias e entidades sociais da cidade. “Queremos construír un proxecto de cidade de abaixo cara arriba, contando coa veciñanza e respondendo aos seus problemas reais”.
“O único pacto do PSdeG é coa cidadanía”

Preguntado polos medios sobre o papel do PSdeG respecto ao actual goberno municipal, Bouza foi taxativo:
“O único pacto que temos é coa veciñanza de Santiago. Non estamos aquí para sustentar a ninguén, senón para construír unha alternativa sólida, seria e con futuro”.

Bouza puxo en valor o traballo do grupo municipal, salientando a coordinación “fluída e leal” coa dirección local, “a relación cos concelleiros é excelente. Quero agradecer especialmente o traballo de Sindo Guinarte e Marta Abal. Estamos traballando en equipo, porque o que nos importa é a veciñanza”.

Na rolda de prensa, Bouza aproveitou para facer un chamamento á cidadanía: “Pedímoslle á veciñanza que non se resigne. O Partido Socialista está preparado para recuperar Compostela e poñela de novo á vangarda. Temos a ilusión, a responsabilidade e o equipo para conseguilo”.

Deja un comentario