Saturday 07 de June de 2025

Implantación de ciclos formativos na Laracha


Dende o BNG recibimos con sorpresa o anuncio, a través da prensa, de que se van implantar ciclos formativos no Instituto Agra de Leborís, en concreto un ciclo básico e outro superior. Non se nos comunicou en ningún momento dende o grupo de goberno nada, a pesar de que levamos moito tempo preguntando. Pero o máis grave é que tampouco se lle comunicou á propia ANPA nin a maioría do profesorado que, polo que soubemos, foron coñecedores tamén a través dos medios de comunicación.

 

A implantación dos ciclos chega tarde, concretamente 16 anos despois da primeira vez que se prometeran en campaña; e chega mal, sen ter resolto o problema de espazo nun centro que xa sofre unha tremenda saturación.

 

Por todo isto, consideramos que este anuncio non é máis que un acto desesperado da Consellería e do propio concello da Laracha por facer un lavado de cara ante os tremendos problemas de fondo que sofre o centro, e que vimos denunciando non só nós, senon gran parte do profesorado, ANPA e alumnado: o citado, e tan demandado problema de espazo, a falta de profesorado de apoio e a garantía de que todos os itinerarios de bacharelato se poidan cursar en igualdade de condicións para o alunmado.

 

Dende o BNG moito tememos que sigan sen atenderse todas estas cuestións que, como dicimos, aínda se van ver máis agravadas; e exismos da Consellería de Educación e do Concello que resolvan as demandas da comunidade educativa coas reformas profundas e estructurais que se precisan para frear a degradación da calidade educativa que está a sufrir o centro.

Deja un comentario