Saturday 07 de June de 2025

O Concello de Lousame organiza un Taller de Minerais no Museo das Minas de San Finx


Impartido polo xeólogo Fran Canosa, está dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos

O Concello de Lousame organiza un obradoiro gratuíto para achegar aos nenos e nenas o mundo dos minerais. Un Taller de Minerais dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos que terá lugar o próximo venres 13 de xuño, ás 17:00 horas, no Museo das Minas de San Finx, impartido polo xeólogo Fran Canosa.

O tenente de alcaldesa, Esteban Ares García, sinala que “esta actividade divulgativa ten como obxectivo achegar á rapazada ao mundo dos minerais, comezando por ensinarlles a diferenciar un mineral do que non o é. Despois irán vendo as principais características dos minerais como son a cor, o brillo, a dureza, a forma, a transparencia… para o que terán á súa disposición máis de medio cento de mostras de minerais procedentes de diferentes lugares do mundo, moitos deles das propias Minas de San Finx”.

A maiores, Fran Canosa fará unha demostración de minerais fluorescentes, unha propiedade que só teñen uns poucos minerais. De feito, para poder ollalos os nenos e nenas terán que facelo na escuridade e coa axuda dunha lámpada de raios ultravioleta, o que será unha experiencia realmente sorprendente.

O obradoiro terá unha duración de 50 minutos. O número de prazas está limitado a 20 nenos e nenas, que deberán anotarse a través de www.bandoticket.com. No caso de que se esgoten as prazas, as persoas interesadas poden enviar unha solicitude ao mail museominasdesanfinx@gmail.com de cara a organizar unha segunda quenda. Este Taller de Minerais está organizado polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Deja un comentario