Saturday 07 de June de 2025

A Xunta actúa nas cornisas da Casa do Mar de Mera ante as denuncias do Concello


Este foi un dos cascotes que se desprenderon das cornisas da Casa do Mar de Mera. Unha situación totalmente indecente para un edificio que alberga o consultorio médico da zona norte do Concello de Oleiros e que ademais se atopa flanqueado por un parque infantil e unha escola.

O Concello xa alertara desta situación en varias ocasións ao longo dos últimos anos, comunicando á Xunta de Galicia mediante informes técnicos a necesidade de actuar con urxencia ante os graves danos estruturais pola falta de mantemento e desatención do edificio. A penúltima comunicación foi en xaneiro do 2024 e a última, o pasado luns día 2.

Malia o grave risco para as persoas e todas as comunicacións realizadas polo Concello, a Xunta non actuou ata que o Goberno municipal o denunciou ante a prensa. E iso que a administración autonómica está a realizar no propio edificio unha reforma interior do espazo destinado ao consultorio médico -un parche para crear unha nova sala co que para nada se vai resolver ás necesidades existentes-.

Maianca, Serantes e Dexo precisan ampliar o espazo destinado ao consultorio médico de Mera utilizando a planta superior da Casa do Mar, para poder incrementar e mellorar a actual prestación de servizos médicos, creando así un verdadeiro Centro de Saúde, acorde coas necesidades presentes e futuras da zona norte de Oleiros. Non é posible reforzar os servizos que xa se prestan, nin incrementar as horas de atención pediátrica e incorporar profesionais de saúde mental, radioloxía, nutrición, fisioterapia ou rehabilitación sen ampliación de espazos.

Deja un comentario