A conselleira de Medio Ambiente avanza o contido do Informe meteorolóxico do inverno, do que se extrae que a temperatura media estivo por riba da media habitual dos dos invernos de Galicia e 2,2 graos po riba do inverno anterior
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou esta mañá que este inverno foi o segundo máis cálido dos últimos 50 anos, o que pon en evidencia que a loita contra o cambio climático é un dos grandes desafíos da humanidade. A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego visitou esta mañá as instalacións de Meteogalicia, onde avanzou o contido do Informe meteorolóxico do inverno, elaborado por este organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Mato Otero indicou que a temperatura media foi de 10,1ºC, unha cifra por riba da media habitual dos invernos, polo que se pode considera -en termos xerais- como de moi cálido, ao que se suma o feito de rexistrar 2,2 grados máis que o inverno de 2014-2015.
En relación ás precipitacións, engadiu que estiveron un 63% por riba dos valores habituais para a estación, polo que ademais de ser un inverno moi húmido, isto fixo que sexa o terceiro máis húmido dos últimos 30 anos; sendo as comarcas dos Ancares, a Baixa Limia e o interior da provincia de Pontevedra as que rexistraron maiores precipitacións. Afirmou que neste inverno rexistráronse un 89% máis de precipitacións que no inverno pasado; de feito, as precipitacións recollidas en xaneiro e febreiro representan o equivalente ao 63% das chuvias rexistradas en todo o 2015.
A conselleira destacou que os datos “cientificamente innegables” demostran que a necesidade dunha loita real contra o cambio climático é un dos grandes desafíos da sociedade actual, polo que “cómpre traballar moi en serio para adaptarse aos cambios que xa son inevitable e mitigar o quentamento global”.
Nese sentido, apostou por diminuír a redución de gases efecto invernadoiro á atmosfera e apostando por unha economía circular e baixa en carbono; aspectos que se puxeron de manifesto no Cumio de París. En palabras da conselleira, tratouse dun encontro no que por primeira vez 195 países adoptaron un acordo conxunto para poñerlle freo ao quentamento global, coa sinatura dun acordo vinculante que supón un punto de non retorno, e que permite afirmar que “o mundo por fin se puxo de acordo para pasar á acción”.
En Galicia, a observación, a predición e a innovación realízase grazas a un equipo de profesionais e a unhas infraestruturas modernas e da máxima calidade, como as que conta Meteogalicia. O labor que desenvolven é fundamental non só para coñecer con antelación o tempo que vai facer en Galicia, senón tamén para obter datos e elaboración de modelos, así como para a alerta ante fenómenos adversos.
Para achegar o traballo que realizan e para conmemorar o Día Mundial da Meteoroloxía, que se celebra o vindeiro mércores 23 de marzo baixo o lema Máis cálido. Máis seco. Máis húmido. Afrontemos o futuro, a Xunta está a organizar unha xornada de portas abertas ás instalacións de Meteogalicia, na que poderán participar todos aqueles que queiran coñecer o traballo que realizan os profesionais e os equipos cos que desempeñan o seu labor.
Por último, a conselleira destacou que este tipo de efemérides pretende poñer en valor o papel que xoga a meteoroloxía na sociedade actual.