
A actividade, prevista para o 25 de xuño na Casa das palmeiras, acaba de abrir inscrición
Tras a boa acollida ao curso de solo pelviano, o Concello de Neda programa para o 25 de xuño, coa colaboración da Escola galega de saúde para cidadáns, unha nova acción formativa centrada no manexo dos desfibriladores semiautomáticos e actuacións de primeiros auxilios. A inscrición xa está aberta e as prazas son limitadas.
O obradoiro, impartido por Carlos Prados, enfermeiro asistencial do O61, busca ensinar ás persoas participantes a actuar ante situacións de urxencia máis frecuentes (atragoamentos, paradas cardíaca…), brindando unha atención inmediata á persoa que sufre un accidente ou un problema de saúde ata que chegue a asistencia médica profesional. Técnicas que mesmo poden salvar a vida.
Así, ademais da necesidade de chamar ao 061, abordaranse posibles causas dunha perda de coñecemento e os signos dun fallo cardíaco, e mostrarase como realizar de forma correcta a manobra de reanimación cardiopulmonar. Ademais, o alumnado aprenderá a usar desfibrilador externo semiautomático (DESA) fundamental para actuar con rapidez e eficacia en situacións de paro cardiorrespiratorio, resolvendo as dúbidas que poidan xurdir.
A actividade, dirixida á poboación en xeral, chegará á Casa das palmeiras – sempre que se xunte grupo- o día 25, de 16.30 a 20.30 horas. Contará con parte teórica e práctica e dará dereito a diploma de participación.
Xa está aberta a inscrición, a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (https://escolasaude.sergas.es/, apartado de cursos presenciais). Na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para inscribirse online.