Saturday 07 de June de 2025

Inés Rey destaca a humanización do espazo público, motor de crecemento para o comercio local, na apertura dunha nova edición da Noite Branca


A alcaldesa interveu esta mañá na apertura do evento, que contará con máis dun cento de establecementos participantes

A alcaldesa, Inés Rey, abriu esta mañá nos Xardíns de Méndez Núñez unha nova edición da Noite Branca, un evento xa consolidado no calendario cultural e comercial da cidade, organizado pola Asociación Zona Comercial Obelisco co obxectivo de pór en valor e dinamizar o comercio local da Coruña.

Durante a súa intervención, Rey destacou a importancia dos Cantóns e da zona do Obelisco como “corazón simbólico e funcional da cidade” e apuntou que “a súa conexión coa rúa Santo André conforma un sendeiro urbano de identidade, tradición e modernidade que estamos a recuperar coa súa humanización: máis espazo peonil, mellor accesibilidade e mobilidade máis sostible”.

A Noite Branca 2025 ofrecerá ao longo de todo o día unha ampla programación cultural, gastronómica e comercial, con actuacións, ofertas especiais e máis dun cento de establecementos adheridos. A rexedora puxo en valor o evento como símbolo da “cultura de vivir” que define A Coruña e incidiu na importancia de seguir apostando polo espazo público como ferramenta de dinamización económica, ao tempo que recoñeceu o compromiso do tecido comercial coruñés coa cidade.

Ao acto asistiron, entre outras autoridades e representantes, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas; a presidenta da Asociación West Galicia, Carmen Blach; o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor; e Pedro López, en representación de Estrella Galicia. Rey fixo unha mención especial á nova presidenta da Asociación Zona Comercial Obelisco, Carolina Carrillo, así como ás entidades colaboradoras, á xerente da entidade, Rosa Mena, e á Asociación West Galicia.

A alcaldesa recoñeceu o labor desta última entidade, representativa de familias afectadas por enfermidades raras e epilepsia, e subliñou a súa contribución activa e necesaria á visibilización das necesidades sociais e sanitarias destes colectivos: “A Noite Branca tamén é un espazo para lembrar que a cidade é de todas e todos, e que a inclusión e o apoio ás persoas con necesidades específicas debe estar presente en cada iniciativa cidadá”, concluíu.

Deja un comentario