Saturday 07 de June de 2025

As concelleiras non adscritas piden explicacións ante o retraso na posta en marcha da estación Intermodal


• Gonzalo Muíños advirte de que a inauguración anunciárase para abril e a posta en funcionamento fixouse para maio, “pero pasaron 60 días e nin unha cousa nin a outra”

• Sinalan o estado avanzado das obras e critican que desde Transportes non se queira, agora, fixar un novo prazo tras incumprir o inicial

As tres concelleiras e o concelleiro non adscrito achegáronse este venres ata a Intermodal para denunciar os atrasos na posta en funcionamento da nova estación, fixada para o mes de maio. Gonzalo Muíños criticou, nunha declaración chea de referencias veladas, que hai “exactamente dous meses había quen daba unha rolda de prensa desde este mesmo punto co único propósito de anunciar que a Intermodal se ía inaugurar despois de Semana Santa, nese mesmo mes de abril, e estaría operativa en maio”. Dous prazos que, despois de dous meses, non se cumpriron.
“Nin se inaugurou en abril, como se dixo, nin se puxo en funcionamento en maio” redunda Muíños que pide explicacións polo retraso ante o estado avanzado das obras: “vendo como se atopa a execución, resulta máis inverosímil esta dilación dos prazos e, máis aínda, que agora non se queira dar un novo horizonte temporal”.

Lembraba así o concelleiro non adscrito as declaracións que facía esta mesma semana o Secretario de Estado de Transportes nunha entrevista radiofónica, na que non se atrevía a fixar un novo prazo “despois de incumprir o inicial” nin confirmaba se esta entraría en funcionamento antes do verán.

Desde a propia Intermodal, Muíños acompañado de Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez reclamou que se fixe unha nova data, ao tempo que esixía explicacións: “non se entende que quen deu esa rolda de prensa co único propósito de anunciar unha data, agora non renda contas ante este retraso” explica.

As catro concelleiras non adscritas coincidiron en sinalar o estratéxico desta infraestrutura, á que se lle deu o impulso definitivo durante o pasado mandato.

Lembran que se trataba dun proxecto “atascado” que “se conseguiu desbloquear durante o goberno de Sánchez Bugallo”, do que formaban parte sendo o propio Muíños o responsable de Mobilidade: “ofrecerá unha integración total do sistema de transporte metropolitano, urbano e ferroviario, que xa está a crear sinerxías extraordinarias e que se potenciarán unha vez estea a pleno rendemento”. Por iso piden dilixencia no remate das obras e a súa posta en funcionamento.

Deja un comentario